A veciñanza de Noia de todas idades poderá formarse en novas tecnoloxías seguras grazas á CMUS e ao Concello
luns, 12 de xaneiro do 2026
Co inicio do novo ano, o CMUS Felipe Paz Carbajal (Conservatorio de Música), en colaboración co Concello de Noia, pon en marcha unha nova oferta de actividades gratuítas de formación en saúde dixital, dirixidas a diferentes idades (tres seccións de idade), co obxectivo de mellorar o uso seguro, útil e responsable das tecnoloxías.
Os programas están adaptados a cada etapa e inclúen contidos como intelixencia artificial e novas tecnoloxías, ciberseguridade e protección na Rede, competencias dixitais básicas, uso práctico do móbil e dispositivos e ferramentas dixitais para o día a día e para o emprego.
Haberá unha vertente para nenas e nenos de 7 a 17 anos: un campamento de saúde dixital con actividades sobre ciberdefensa, videoxogos responsables, tecnoloxía segura e competencias dixitais.
Tamén haberá actividades para veciñas e veciños de idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos, con formación en saúde dixital centrada especialmente na intelixencia artificial, creación de contidos, optimización do esforzo dixital e busca de emprego.
As persoas maiores de 65 anos tamén terán formación específica ao seu dispor, con formación práctica para gañar autonomía e apoderamento dixitais, aprender a usar o móbil, facer trámites en liña e navegar con seguridade.
As actividades levaranse a cabo os sábados, do 24 de xaneiro ao 14 de febreiro, en horario de 9.00 a 13.00 horas. As sesións serán cen por cen gratuítas, e as persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da conta cmus.profesional.carbajal@edu.xunta.gal ou do teléfono 981 824 885. Trátase dunha “oportunidade perfecta para achegarnos ao mundo dixital de forma sinxela, segura e adaptada a cada idade”, informaron dende a CMUS.
