A veciñanza de Oroso ten unha oportunidade de formarse en deseño gráfico con Inkscape

mércores, 31 de marzo do 2021 S. P.

O Concello de Oroso informou dunha nova actividade de formación tecnolóxica ao servizo da veciñanza. Trátase do curso Deseño gráfico con Inkscape, que se vai desenvolver entre o 5 e o 8 de abril en horario de 10:00 a 12:00 horas, na Aula de formación EducaOroso. “Con Inkscape”, sinalan dende o Concello, “poderemos crear e editar diagramas, liñas, gráficos, logotipos e ilustracións complexas, amais de obter creacións coas que transmitir información gráfica de forma máis dinámica, viva e imaxinativa”.
A través deste curso preténdese facer comprender aos asistentes as posibilidades que se ofrecen no mundo do deseño gráfico, sobre todo no referente aos posíbeis enfoques profesionais dotando dun coñecemento básico das ferramentas que están a súa disposición.
Inkscape é un editor libre de gráficos vectoriais con características profesionais e multiplataforma (dispoñible para GNU/Linux, Windows e Mac OS). Os gráficos vectoriais son imaxes que están definidas mediante figuras xeométricas descritas por funcións matemáticas, polo que nos permiten redimensionar as imaxes sen perder calidade.
As prazas poden solicitarse na web da aula CeMIT de Oroso, a través de educaoroso@oroso.gal ou chamando ao teléfono 981973927.
Co fin de garantir a seguridade sanitaria das e dos participantes, a actividade levarase a cabo a través de vídeo-conferencia, e so se ofertarán prazas presenciais “atendendo a situacións nas que o interesado non poida seguir a actividade de outro xeito”.

PUBLICIDADE