A veciñanza de Ribeira contribuirá o 3 de outubro á galeguización de ferramentas de IA
martes, 24 de setembro do 2024
O vindeiro 3 de outubro o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial, impulsado pola Universidade de Santiago e Secretaría Xeral de Lingua, recala en Ribeira co obxectivo de gravar as voces da veciñanza e impulsar o desenvolvemento dun dos grandes proxectos de Nós: facer realidade (coas contribucións orais da cidadanía) que a Intelixencia Artificial sexa quen de falar en galego.
Ao longo de todo o día un grupo de persoas expertas da USC estarán agardando polas voluntarias e voluntarios na Aula CeMIT de Ribeira (Cubeliños, 20) para amosar como gravar as voces das persoas que participen na xornada de xeito que poidan contribuír, en última instancia, a un uso pleno do galego en asistentes intelixentes, ordenadores ou dispositivos móbiles en xeral.
Desde o Concello fan un chamamento a “participarmos nun proxecto tan importante coma este para o futuro da nosa lingua”, só é preciso “establecermos contacto co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@ribeira.gal; 981835650) para cadrar as horas nas que irmos á Aula CeMIT, e evitar así agardas”.
A xeira levarase a cabo o vindeiro 3 de outubro, xoves, en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 h.
Detalles de Nós
O Proxecto Nós é unha iniciativa destinada a consolidar e dinamizar o galego no ámbito das tecnoloxías intelixentes de vangarda (impulsado pola Universidade de Santiago e a Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, agora Secretaría da Lingua). Unha das súas liñas de traballo consiste en recoller diferentes xeitos de falar da nosa terra a través dunha campaña de doazón de voz que busca crear unha gran base de datos dixital que salvagarde o tesouro galego das diversidades dialectais e fonéticas.
O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego “na vangarda das tecnoloxías intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas tecnoloxías lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial”. Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.
Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiras persoas, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen. O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do ILG e o CiTIUS.
A campaña AgasallaNós
O obxectivo da campaña AgasallaNós é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos recoñezan as distintas cadencias lingüísticas. A USC explicou recentemente que a finalidade desta campaña é “crear un rexistro o máis variado posíbel”, e para iso é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais.
As contribucións poden facerse tamén vía web, estando esta iniciativa integrada a ferramenta Common Voice, a aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas.