A veciñanza dos barrios históricos de Compostela celebra a chegada da fibra óptica

xoves, 8 de abril do 2021 S. P.

JPEG - 49.7 KB
Instalación das caixas de fibra óptica nunha imaxe de El Correo Gallego

A entrada na fase final do despregue de fibra óptica FTTH no centro histórico de Santiago impulsada polo Concello, AMTEGA e Orange, unha circunstancia que poría remate a anos de desigualdade en materia de accesos e servizos na cidade, é sen dúbida unha boa nova para a cidadanía residente nos barrios beneficiados. Así o fixo saber a Asociación de Veciños da Cidade Histórica “Fonseca”.
A asociación celebrou a noticia destacando que dotar de Internet á Compostela histórica (onde máis de 2.000 vivendas e negocios xa poden darse de alta, sempre que teñan o acceso habilitado no interior do inmóbel) “era unha necesidade que se viña reclamando de xeito insistente por parte de todos os veciños, comerciantes, colexio maior e residencias de estudantes, así como por parte dos profesionais que teñen o seus despachos e mesmo o Arcebispado e o Arquivo da Catedral, así como os hoteis aquí asentados”.
A asociación, reflectindo informacións achegadas pola operadora Orange, encargada dos traballos, lembra que a alta do servizo de fibra óptica “xa está aberta para o 60% dos inmóbeis do conxunto histórico, é dicir, para unhas 2.000 vivendas e negocios que xa dispoñen de acceso a este servizo de telecomunicacións avanzadas, aínda que tamén existen outros 1.500 edificios aproximadamente onde xa se desenvolveron os traballos de despregue, pero aínda se atopan en fase de probas”.
Ademais, a empresa instaladora explicou á asociación veciñal que o acceso final da fibra óptica a estas unidades beneficiadas “realizouse de acordo ás condicións establecidas coas distintas administracións, que implica que debe realizarse polo interior dos edificios”. En consecuencia, “aqueles edificios que aínda non teñan habilitado o acceso para a fibra óptica ao interior non poderán darse de alta nos servizos de forma inmediata, ata que este acceso estea executado”.
O colectivo Fonseca tamén valora os esforzos desenvolvidos para minimizar a pegada estética. De feito, o plan de despregue iniciado no verán de 2020 por parte do Concello de Santiago, Orange, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, realizouse empregando caixas de baixo impacto visual nas fachadas e as canalizacións existentes, para respectar o patrimonio histórico santiagués.
Para consultar dúbidas, a Asociación de Veciños da Cidade Histórica “Fonseca” empraza aos veciños do casco histórico a poñerse en contacto coa empresa Orange para informarse sobre a cobertura dispoñible na súa localización, así como sobre as posibilidades de contratación do servizo de fibra óptica. Poden contactar a través da web de Orange ou nas diferentes tendas físicas que a compañía ten en Santiago.

PUBLICIDADE