A viguesa Alén Space gaña os Premios EmprendedorXXI en Galicia

venres, 14 de febreiro do 2020 Redacción

A empresa viguesa Alén Space é a vencedora esta ano da edición galega dos Premios EmprendedorXXI, impulsados por CaixaBank, a través de DayOne, a súa división especializada para empresas de tecnoloxías, e co-outorgados polo Ministerio de Industria a través de ENISA, contando coa colaboración, na nosa terra, do instituto IGAPE. Alén Space, firma centrada en servizos avanzados de deseño, fabricación e operatividade de pequenos satélites, amais de desenvolvedora de negocios no espazo, é unha spin-off da Universidade de Vigo que, malia a súa breve historia, xa foi quen de conseguir grandes fitos tecnolóxicos, como os lanzamentos do Xatcobeo (o primeiro nanosatélite español da historia), ou do Lume-1 (o innovador nanosatélite da UVigo para a detección temperá de incendios forestais e soporte dos labores de extinción).
Obra de Alén Space é tamén a materialización, dende a súa sede Porto do Molle (Nigrán) do primeiro CubeSat (estándar de deseño de nanosatélites) enviado pola ONU.
O premio inclúe unha dotación económica de 5.000 euros e o acceso a un programa internacional de acompañamento en Silicon Valley, organizado por ESADE en colaboración coa Singularity University, ou un curso internacional de crecemento empresarial, Ignite Fast Track, da Universidade de Cambridge (Reino Unido).

Foto de grupo dos finalistas do Premio EmprendedorXXI Galicia

O galardón entregouse no marco da xornada de innovación, tecnoloxía e emprendemento DayOne Innovation Summit, un programa creado por CaixaBank DayOne, que reuniu aos principais axentes do ecosistema emprendedor, tecnolóxico e investidor de Galicia.
O director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, e o conselleiro delegado de ENISA, José Bayón, presidiron a entrega do premio e recoñeceron a actitude e a calidade dos proxectos dos emprendedores.
A xornada
Na xornada DayOne Innovation Summit celebrada en Santiago de Compostela, a entidade reuniu a máis de oitenta persoas. Ao seu abeiro celebráronse demostracións, clases maxistrais, relatorios e mesas redondas, nas que diferentes expertos explicaron as novas tendencias no emprendemento e as particularidades de ámbitos de traballo como os negocios avanzados do motor e aeroespaciais.

PUBLICIDADE