A viguesa MOVELCO achega unha app para compartir vehículos no eido corporativo

venres, 12 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa viguesa MOVELCO (Mobilidade Eléctrica Ecolóxica) vén de lanzar ao mercado unha innovadora tecnoloxía que facilita os procesos de compartir vehículos no ámbito corporativo. O sistema en cuestión chámase Eccocar e está enfocado á xestión de frotas nas empresas, favorecendo unha xestión máis áxil, innovadora e eficiente. A pedra de toque da iniciativa é a aplicación móbil do mesmo nome, que colleu impulso grazas a un acordo previo entre MOVELCO e a firma Eccocar. Amais de optimizar eficientemente as frotas corporativas, a app tamén se dirixe a fomentar o uso do vehículo eléctrico con “solucións de ecomobilidade á medida”, sinalan as compañías impulsoras do lanzamento.
En termos máis detallados, Eccocar busca ofrecer “solucións integrais ás empresas, adaptadas ao seu tamaño e necesidades”, fornecéndoas de procesos de integración da frota de seu na nova aplicación ou permitindo a incorporación de vehículos novos á compañía-cliente. Tamén fai posíbel procesos como a instalación e xestión de puntos de recarga para os automóbiles eléctricos dunha empresa. En base a todo isto, un usuario da devandita app poderá ter no seu smartphone ou tableta información actualizada e completa sobre o emprazamento e localización dos seus vehículos, cal é o seu nivel de carga ou a que hora ficarán libres e en que lugar. O usuario só necesitará un móbil e a aplicación descargada para poder localizar o automóbil, abrilo e mesmo polo en marcha.
Segundo informa o director executivo de MOVELCO, Rubén Blanco, todas as devanditas vantaxes, e máis que se inclúen na dita ferramenta, tradúcense “nun importante aforro de custos”, ao que cómpre engadir que a práctica do carsharing corporativo é para as compañías un gasto mensual deducíbel, cunha manchea de vantaxes fiscais.
O servizo Eccocar ofrecido por MOVELCO inclúe, ademais, seguro a todo risco, mantemento, asistencia 24 horas, atención ao cliente, vehículos de substitución, substitución de pneumáticos, mantemento e limpeza, entre outros engadidos.

PUBLICIDADE