A viguesa Netun Solutions, recoñecida polas autoescolas estatais
xoves, 22 de febreiro do 2018
- José Blas, presidente do xurado da Fundación CNAE, entregando o premio a Jorge Costa, CEO de Netun Solutions
A
empresa viguesa Netun Solutions,
responsábel dun revolucionario dispositivo
tecnolóxico destinado a rematar cos riscos dos triángulos de
sinalización de avarías, o dispositivo Help-Flash, vén de
gañar o Premio en Innovación á Seguridade Viaria que concede a
Fundación CNAE da Confederación Nacional de Autoescolas. Co dito
galardón, a entidade quixo enxalzar as importantes funcionalidades
de seguridade e utilidade que pon en xogo a baliza luminosa de
sinalización de emerxencia Help-Flash,
cuxa principal vantaxe, á hora de colocar os obrigatorios triángulos
de sinalización de avarías, reside na redución do tempo da manobra
de advertencia, que pasa de ser de 8 minutos, aproximadamente, a ser
de 30 segundos.
O
premio (que ten unha contía de 3.000 euros) foi entregado por José Blas Valero, presidente do xurado da
Fundación CNAE e foi recollido polo director executivo (CEO) da
empresa galega, Jorge Costas. Na recollida do recoñecemento, Costas rememorou as
orixes do proxecto e remontouse a hai uns tres anos, cando “o meu
compañeiro Juan Torre e eu, que eramos membros da Garda Civil,
démonos conta do problema que había cos atropelos nas estradas, e
decidimos dar o salto, deixar o Corpo e fundar unha empresa para
innovar en seguridade viaria”. E engadiu: “Hai persoas que aínda
morren despois de sufrir un accidente leve ou de ter unha avaría,
porque baixan dos seus vehículos e os demais condutores non os ven e
atropélanos. Este premio é un orgullo e confirma que o esforzo
merece a pena”.
Netun
Solutions é unha startup viguesa fundada en 2016, co ánimo
de xerar innovación na seguridade das estradas mediante novas
tecnoloxías que conectan asfalto, persoas e máquinas. Froito deste
compromiso abrollou Help Flash, un equipo de sinalización luminoso
que advirte dunha emerxencia na estrada sen necesidade de saír do
vehículo.
Para
o desenvolvemento do dispositivo, do que xa se venderon máis de
40.000 unidades e ten presenza nunha manchea de países (Francia,
Alemaña, Reino Unido, Portugal e Estados Unidos), o equipo de Netun
Solutions contou coa colaboración do Centro Tecnolóxico de
Automoción de Galicia (CTAG) e de asociacións de vítimas de
accidentes de tráfico. Así mesmo, foi un dos proxectos impulsados
na 4ª edición de VíaGalicia, a aceleradora de empresas da Zona
Franca de Vigo.
Help
Flash é un dispositivo de sinalización compatíbel coa normativa de
seguridade viaria vixente, que fai visíbel un vehículo en menos de
30 segundos e até 1 quilómetro de distancia en condicións de baixa
luminosidade. Grazas a un reflector parabólico, que emite un triplo
escintileo ámbar en todas as direccións, o vehículo avariado ou
accidentado pode ser detectado polo resto de condutores. Netun
Solutions ideou Help Flash “co fin de evitar o risco de atropelos
derivados da escasa visibilidade á que fan fronte os condutores
cando se dispoñen a colocar os triángulos para sinalizar a súa
situación de emerxencia”. De aí a súa lema: Unha luz para
salvar vidas.
A
versión conectada, en 2018
Netun
Solutions traballa nunha versión conectada de Help Flash, para
convertelo nun dispositivo intelixente, que permitirá emitir avisos
aos servizos de emerxencia ou á compañía de seguros. A nova
tecnoloxía, que se presentará o vindeiro ano, terá capacidade para
realizar unha chamada de emerxencia ao 112, se fose preciso, ou
contactar coa compañía de seguros e facilitar datos como a
localización do automóbil ou a matrícula, entre outros.