A vindeira semana chegará o primeiro capítulo descargable para Marvel’s Spider-Man

martes, 16 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O xogo exclusivo de PlayStation 4, Marvel’s Spider-Man, está a ter moi boa acollida, pero a historia non remata co xogo principal, senón que hai un lote de contido descargable que pode adquirirse por separado, Marvel’s Spider-Man: La ciudad que nunca duerme, que está composto por tres capítulos de historia adicionais, novas faccións de inimigos e traxes que desbloquear, e que comezarán a súa distribución a semana que vén.
Así, a partires do día 23 de outubro será posible xogar a Marvel’s Spider-Man: El atraco, unha historia na que Felicia Hardy (a Gata Negra) volveu á cidade e está a deixar unha serie de misteriosas pistas para xogar con Spider-Man. Tamén confirman que esta expansión incluirá 3 novos traxes: o traxe de resiliencia (deseñado por Gabriele Dell’Otto), o traxe do actual Araña Escarlata (Kaine Parker) e o traxe de Spider-UK (personaxe do Spider-Verso).
Será posible mercar Marvel’s Spider-Man: El atraco por separado, pero recoméndase facerse coa serie completa de DLC no lote La ciudad que nunca duerme, xa que supón un aforro económico. Os dous seguintes capítulos sairán nos meses de novembro e decembro, conseguindo así que a historia do trepamuros estea moi viva até o remate do presente ano.

El atraco incluirá tres novos traxes

PUBLICIDADE