A visión artificial e a realidade virtual e aumentada acompañarán a transformación integral de CONGALSA
mércores, 22 de setembro do 2021
A
empresa CONGALSA celebrou este 22 de setembro unha xornada en liña
para presentar os froitos do seu proxecto de Industria 4.0 destinado
a convertela nunha compañía máis sustentábel e eficiente e mellor
interconectada e xestionada, e tamén para abrir o camiño da
transformación para outros emprendementos. O
proxecto CONGALS4.0 da compañía alimentaria da Pobra do
Caramiñal foi dado a coñecer nun acto que
contou coa presenza de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega
de Innovación (GAIN), e tamén de Luis Miguel Simarro, director
xeral da empresa, e Luis Pérez Freire, director xeral do Centro
Tecnolóxico Gradiant (co-artífice, xunto coa firma de produtos do
mar, de CONGALS4.0). Segundo fixo saber Simarro, a compañía
implantará tecnoloxía de Visión Artificial nos diferentes elos da
cadea do seu sistema de produción e promoverá a dixitalización das
súas factorías habilitando tamén técnicas de Realidade Virtual e
Aumentada.
Isto
será posíbel grazas ao ambicioso proxecto tecnolóxico de
transformación no que está mergullada a empresa alimentaria, unha
aposta cara a un modelo industrial interconectado abeirada ao
Programa Industrias do Futuro 4.0, impulsado desde a Axencia Galega
de Innovación (GAIN).
Segundo
engadiu Simarro, o modelo industrial 4.0 promovido desde CONGALSA
“fai fincapé na Visión Artificial como tecnoloxía integrada na
compañía” e tamén pon o acento na dixitalización, na
ciberseguridade, na cadea de bloques (blockchain),
na aprendizaxe das máquinas (Machine Learning),
na Intelixencia Artificial, na automatización de procesos, na
Realidade Virtual e na Realidade Aumentada.
Crear
unha fábrica intelixente
Segundo
salientou Simarro, o obxectivo do proxecto é “crear unha fábrica
intelixente a través da dixitalización de toda a cadea loxística
integral e desenvolver un modelo de industria interconectada que
axude a xerar tracción no cambio na nosa empresa”. E engadiu:
“Trátase de desenvolver un modelo industrial máis flexíbel,
automatizado e colaborativo, que nos permita mesmo anticiparnos ás
demandas do mercado con criterios de sustentabilidade, transparencia
e personalización”. Tamén fixo saberá que para a empresa da
Pobra do Caramiñal “é fundamental unha interconexión continua no
traballo, porque a innovación non implica só cambio tecnolóxico,
senón que transcende de forma transversal a todos os departamentos
da empresa na medida en que trae consigo novas formas de
relacionarnos”.
O proxecto CONGALS4.0 está subvencionado por GAIN (Axencia Galega de Innovación) mediante o programa Industrias do Futuro 4.0. e co-financiado con cargo aos fondos FEDER no marco do Programa Operativo 2014-2020 Unha maneira de facer Europa.