A web da Asociación Roberto Vidal Bolaño xunta esforzos para pór en valor a obra do escritor compostelán

luns, 29 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Para quen queira introducirse no que representa o dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño (homenaxeado este 2013 na festa das Letras Galegas do 17 de maio) para a nosa cultura, se cadra entre as principais portas de acceso web estea a páxina impulsada este ano pola asociación que leva o nome do escritor. Falamos do sitio robertovidalbolano.org, presentado co devandito colectivo cultural no marco da pasada edición do salón Culturgal, en decembro de 2012, e hoxe en día (xa en plena conta atrás para a celebración do Día das Letras Galegas), unha fonte de coñecemento ineludible sobre o autor de obras como Bailadela da morte ditosa ou Agasallo de sombras, entre outras moitas.
A web tivo o seu xermolo na creación da asociación que lle deu pulo e esta, á súa vez, nunha intensa campaña dun grupo de seareiros da súa obra e a súa figura para acadar o recoñecemento da sociedade galega a Vidal Bolaño e, tamén, que se lle adicase o Día das Letras Galegas. Polo tanto, a páxina é unha fonte de información pero igualmente unha sentida homenaxe ao dramaturgo compostelán, un dos principais renovadores do noso teatro. Ademais, preséntase como unha axenda de actividades, plenamente actualizada, sobre tódalas actividades de celebración que se están a desenvolver para conmemorar o legado de Vidal Bolaño. En palabras da asociación, o que se pretende é pór en valor a súa obra, dar a coñecer os seus aspectos menos divulgados, realizar labores de orientación e asesoría sobre a figura do escritor, fornecer de materiais para o ensino e canalizar as necesidades que poida ter a cidadanía galega arredor do autor de Sen ir máis lonxe.