A web da Tropa Verde achega xogos e obradoiros sobre reciclaxe e coidado do medio

mércores, 1 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A web da iniciativa ambiental Tropa Verde converteuse estes días nun fervedoiro de actividades para achegar un algo de entretemento e divulgación ás nenas e nenos durante estes días de confinamento. Trátase dunha manchea de xogos e obradoiros relacionados coa temática da iniciativa Tropa Verde, que, como lembraremos, diríxese a fomentar a nivel local a reciclaxe e o coidado polo medio natural a través dunha serie de premios á cidadanía máis comprometida e activista.
Segundo informa o Concello de Santiago (que impulsa Tropa Verde a través das concellerías de Medio Ambiente e de Centros Socioculturais), a listaxe de propostas é ben ampla: hai dende xogos para aprender a separar residuos ou facer compostaxe ata obradoiros para construír unha depuradora, un forno solar, unha depuradora ou fabricar papel reciclado.
O obxectivo, segundo sinalou a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, é que “o tempo de confinamento se converta en tempo de ocio, no que todos os membros da familia se divirtan e se formen xogando”. Neste caso, dixo, “pequenos e maiores aprenden a concienciarse da importancia de preservar o medio ambiente a través da regra das tres erres: reciclar, reutilizar e reducir”.
Tropa Verde
O proxecto Tropa Verde, unha plataforma web creada pola empresa Teimas Desenvolvemento, ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, premiando de xeito directo as boas accións medioambientais. Para iso son necesarios tres elementos: a cidadanía, os espazos onde depositar os residuos, nos que premiarán estas boas prácticas con cheques-agasallo; e os comercios e establecementos de hostalería que colaboran aportando premios e/ou descontos.


PUBLICIDADE