A web de Afundación, mellor deseño dixital e interactivo

luns, 13 de novembro do 2017 Redacción

A páxina web de Afundación, www.afundacion.org, vén de obter un importante recoñecemento. Máis polo miúdo, foi distinguida polo Clúster da Comunicación de Galicia, que lle entregou o pasado venres, nunha gala celebrada no recinto feiral de Expourense, o premio ao mellor deseño dixital e interactivo. Como lembraremos, o sitio web de Afundación, entidade dependente de ABANCA, foi desenvolvido pola empresa galega Desoños. A maiores, Afundación recibiu outro galardón polo se catálogo Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia, editado por Afundación e The Hispanic Society of America e impreso por Tórculo Comunicación Gráfica. O catálogo foi galardoado como mellor libro de arte.
A coordinadora de Márketing de Afundación, Rosario Rodríguez, foi a encargada de recoller ambos os premios, que, segundo fixo saber, “distinguen dous soportes ben distintos pero que conviven e compleméntanse”. Por unha banda a nova web de Afundación, que é “unha referencia para o máis dun millón de beneficiarios das actividades da entidade”, e pola outra “esa xoia que representa o catálogo de fotos de Ruth Matilda Anderson en Galicia”, reeditado tras esgotar as súas dúas tiradas de imprenta anteriores, lembrou.
Como recordaremos, os Premios de Comunicación e Márketing de Galicia, Premios Paraugas, recoñecen publicamente ás empresas, institucións, organizacións e profesionais que “salientan polo seu bo facer no ámbito da publicidade, o deseño, a edición, a impresión, a mercadotecnia e a comunicación en Galicia”. Máis de 250 candidaturas optaron este ano ás dezaseis categorías establecidas, “todo un éxito de participación”, en palabras do presidente do Clúster, Xosé Luís Reza.

PUBLICIDADE