A web de Meteogalicia amplía posibilidades de busca e de personalización

luns, 6 de novembro do 2017 Redacción

Como vén sendo habitual, Meteogalicia vén de actualizar a súa presenza na Rede, respondendo a unha dobre demanda: primeiro, a da comunidade crecente de usuarios (que medra en número e en uso de ferramentas) e, segundo, a de achegar os servizos e informacións máis fiábeis sobre unha cuestión, o clima galego, que tamén vive suxeita a unha constante actualización e revisión. Segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, Meteogalicia renovou a súa web “co fin de ofrecer contidos personalizados e aumentar a súa navegabilidade”. Desta maneira, puxéronse en xogo “novas funcionalidades” dentro do apartado de estacións meteorolóxicas, dirixidas a facer máis áxil acceso á información e, tamén, a afacer os datos fornecidos ás demandas de cada quen.
Segundo se engade, estas novidades céntranse sobre todo na opción de aumentar até cinco o número de estacións meteorolóxicas preseleccionadas e marcar unha delas como favorita co obxectivo de ·obter un acceso directo e personalizado a esta información”. Con esta actualización tamén se ampliaron as alternativas de procura, de tal maneira que poderemos especificar o concello sobre o que desexamos obter datos, e a partir de aí a ferramenta listará as estacións máis próximas á localidade seleccionada dentro dun radio de 30 quilómetros.
Ademais, o sitio de Meteogalicia viuse reforzado para permitir a procura de información desde o propio mapa no que están xeolocalizadas todas as estacións meteorolóxicas. A partir de agora, engade Medio Ambiente, “poderá ampliarse o mapa para localizar a estación desexada con maior precisión e mesmo dáse a a posibilidade de delimitar, a través doutra capa, o territorio de cada un dos concellos de Galicia”.
Por outra banda, dende Meteogalicia lembran que seguen a ofrecer “información puntual e actualizada” sobre a previsión do tempo e a observación atmosférica a través das súas contas nas redes sociais, que, no caso de Twitter, vén de acadar os 100.000 seareiros. “Esta cifra reflicte o grao de interese e seguimento dos galegos pola información meteorolóxica, de aí a aposta da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio por renovar e actualizar os servizos de información á cidadanía”, engádese.

PUBLICIDADE