A web de Talentia Summit ‘20 rexistrou máis de 150.000 visitas na última semana

xoves, 19 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Santiago vén de facer un balance da actividade xerada estes días pola web Talentiasummit.com, que á páxina oficial do encontro de emprendemento innovador Talentia Summit, organizado polo Goberno compostelán. Segundo explicou, o sitio online da feira, que este ano vén cun formato marcadamente virtual, rexistrou máis de 150.000 visitas na última semana. Amais, nos cinco primeiros días completouse a inscrición no 87% das accións formativas, cun total de máis de 4.000 reservas para participar nas diferentes actividades (coñecemento de idiomas, administracións de empresas, certificados oficiais). Por certo que o prazo de inscrición abriuse o sábado 14.
Por outra banda, o Concello informou de que os usuarios xa reservaron máis de 1.500 citas cos responsábeis de contratación das empresas nos seus stands virtuais e en breve abrirase a convocatoria no catálogo de webinarios. Á súa vez, as sesións de mentoring e orientación laboral tiveron unha excelente acollida con máis do 50% de reservas.
Porén, a organización lembra que aínda hai dispoñibilidade de prazas en cursos “moi interesantes para o desenvolvemento profesional” como a acción formativa sobre Microsoft Office Specialist, diversos cursos de formación en directo (para seguir os días da feira) e obradoiros online arredor de diferentes categorías para poder completar en calquera momento.
En concreto, estas eran as actividades dispoñíbeis a data de 19 de novembro:
- Citas e entrevistas con responsábeis de empresas
- Ofertas de emprego
- Cursos de formación en directo
- Prazas para mentoring persoal
- Webinarios que abrirán as inscricións nos vindeiros días
Ademais das actividades dispoñíbeis en Talentia Summit ‘20, tamén seguen abertas as máis de 300 ofertas de emprego, para un total de 700 postos de traballo.

PUBLICIDADE