A web galega de videoxogos Vandal cumpre 20 anos

mércores, 30 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Pablo Grandío é o fundador de Vandal.net

Unha das páxinas web do mundo dos videoxogos de maior repercusión entre o público de fala hispana, Vandal.net, resulta ser galega, e hoxe mesmo está a celebrar os seus 20 anos de actividade facendo un repaso da súa historia. Este espazo na Rede creado polo coruñés Pablo Grandío inicialmente no servizo de hospedaxe web de balde Geocities botou a andar o 30 de agosto de 1997, e non foi até marzo de 1998 cando adoptou un dominio de Internet de seu, ao redor do que se sostiña tanto un medio informativo con cada vez maior frecuencia de actualización, así como tamén se asentaría un foro, creando unha grande comunidade de afeccionados aos videoxogos.
Nesta traxectoria Vandal pasou por numerosas fases, en grande medida pola evolución que tiveron tanto a industria dos videoxogos (que pasou de ser minoritaria a converterse na principal industria cultural) como a penetración da Internet (que evolucionou dende certa precariedade até unha situación actual na que incluso transcendeu da pantalla do ordenador para invadir os móbiles).
Vandal non quedou nun espazo con novas, senón que tamén foi enriquecéndose con contidos como coberturas de eventos internacionais, vídeos en alta definición, presenza en redes sociais, un podcast de grande éxito que axuda a consolidar a comunidade ao redor do medio e, máis recentemente, optouse incluso a mudar de imaxe e ter fillos, de xeito que Vandal conta agora compleméntase con Vandal Sports (cabeceira destinada aos deportes electrónicos), Vandal Ware (centrada no mundo do hardware e o software para xogadres) e Vandal Random (que achégase ao cine, á televisión, a cultura dixital e outras temáticas coa que os seus lectores habituais teñen certa afinidade).
Con dúas décadas ás costas temos aquí un grande exemplo do que pode emprenderse dende Galicia, conseguindo proxectar a súa sombra non só ao territorio español, senón tamén ao público de fala hispana ao outro lado do Atlántico.

PUBLICIDADE