A web galega mipedazodecielo.com convídanos a deixar unha mensaxe nun ceo virtual

martes, 30 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O deseñador vigués Jonathan Fernández Monzón sorprendeunos esta semana cunha iniciativa web, aberta á colaboración activa dos internautas, que consiste basicamente en facer da bóveda celeste que está sobre as nosas cabezas un gran taboleiro de mensaxes para compartir con coñecidos, amizades, familiares ou, tamén, con aquela “persoa especial” á que nos tería gustado, de poder facelo realmente (alén do virtual), deixarlle unha mensaxe aló enriba, entre nubes, e ben á vista. Todo isto, claro, aplicado ao eido dixital, convertendo a nosa pantalla nun firmamento-lenzo para dar renda solta á creatividade.
O experimento, que ten moito de proposta artística, amosa, segundo nos conta o seu responsábel, “unha gran enerxía positiva”. O feito de ter un ceo azul diante, de certo que axuda. A proposta chámase mipedazodecielo.com.
Máis polo miúdo estamos ante unha páxina web con feitura de ceo, repartido en pequenos anacos, cada un coas coordenadas de seu, e na que calquera persoa pode deixar unha mensaxe. Para achegar un contido temos dúas opcións. A primeira consiste en facelo a través da ferramenta escribir mensaxe no ceo, e a segunda en seleccionar de xeito manual o anaco de firmamento que máis nos guste e comprobar se está ceibo.

PUBLICIDADE