A web galega mundoentrenamiento.com acumula máis de 300.000 seareiros

venres, 13 de xullo do 2018 Redacción

A páxina web deportiva mundoentrenamiento.com é hoxe en día un referente formativo e informativo para adestradores e adestrados de toda España e da outra beira do Atlántico. Trátase dun dos grandes fitos galegos do ámbito dixital, xa que foi quen de “facer” unha comunidade de 300.000 seareiros cos seus medios e a través das súas presenzas nas redes sociais, acadando unha media de 20.000 visitas por día. A páxina, moi envorcada na divulgación deportiva, foi posta en marcha hai uns catro anos polos galegos Pablo Sánchez, Brais Ruibal e Alejandro Novás. Segundo puidemos saber, o feito de que a comunidade medrase de maneira tan exponencial (e de que tamén crecese a experiencia de Pablo, Brais e Alejandro) sentou os alicerces para o vindeiro lanzamento dunha aplicación móbil.
Asemade, tamén se incrementou o equipo de traballo que dá soporte a mundoentrenamiento.es, que está integrado arestora por preto de medio centenar de redactoras e redactores, expertos en nutrición, fisioterapia, adestramento, saúde e deporte. O obxectivo dos tres impulsores da páxina web é “divulgar información interesante que afaste os mitos do deporte”. Ou sexa, achegar datos (a través de contidos directos ou ben mediante información remitida aos correos dos lectores) para despexar dúbidas, desbotar ideas preconcibidas e aclarar conceptos. Trátase pois dun portal feito para “ensinar e axudar”. A súa vindeira actividade será, como dixemos, a posta en marcha e lanzamento dunha aplicación móbil que sirva de complemento aos recursos fornecidos pola web.

PUBLICIDADE