A web móbil de Instagram permite crear historias e gardar publicacións

xoves, 16 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Dende Instagram deixan sempre claro que son unha plataforma pensada por e para smartphones, pero iso non significa que teñen abandonada á web, que non só é unha canle para a distribución de contidos, senón que tamén a ven como unha opción para que os usuarios poidan publicar material sen precisar da súa aplicación instalada, e por iso están a incorporar novidades na web de instagram.com cando accedemos a lea dende o noso teléfono, como son a creación de historias e o gardado de publicacións que sexan do noso agrado.
A partires de agora a versión web móbil de Instagram funcionará dun xeito máis semellante á aplicación móbil, de xeito que cando prememos na icona da cámara fotográfica poderemos disparar unha instantánea ou elixir unha fotografía gardada no móbil para engadirlle texto na cor que queiramos e poder compartila como historia.
Adicionalmente, cando esteamos a ver unha publicación que queiramos gardar para ver logo, tamén podemos premer dende a web móbil na icona do marcador que figura debaixo de cada publicación para gardalo (aínda que neste caso só poderemos facer un gardado básico e non por categorías como na aplicación nativa).

PUBLICIDADE