A web municipal de Vigo activa un buscador avanzado con Intelixencia Artificial
xoves, 10 de outubro do 2024
O Concello de Vigo lanzou na web municipal un novo asistente virtual baseado en Intelixencia Artificial que está deseñado para ofrecer respostas rápidas a consultas da cidadanía. O alcalde Abel Caballero avanzou que se trata dun sistema para ofrecer, entre outros datos e recursos, información sobre procedementos administrativos, eventos ou avisos.
O Concello puxo en marcha esta semana o devandito asistente virtual, un buscador avanzado dotado con IA. A ferramenta, chamada Vigo25, está deseñada para ofrecer respostas rápidas e globais ás consultas da cidadanía, segundo explicou o rexedor, engadindo que “este novo buscador intelixente de Vigo distínguese pola súa capacidade para ofrecer información de cidade, desde procedementos administrativos ata datos de eventos, avisos ou puntos de interese, entre outros”. O sistema irá actualizándose para ampliar a súa capacidade de resposta.