A web de Vigo renova o seu deseño para mellorar a experiencia da cidadanía
xoves, 7 de setembro do 2023
O
Concello de Vigo deu unha viraxe ao deseño da páxina municipal,
www.vigo.org, co obxectivo de
amplificar as súas utilidades e, en palabras do Goberno local,
“mellorar a experiencia da cidadanía”. En concreto, ao
abeiro do proceso de mellora continua do sitio municipal apostouse
por ofrecer un deseño máis moderno á vez que simplificado, con
maiores marxes de accesibilidade e usabilidade e cun innovador
sistema de busca intelixente e eficiente. “Temos unha gran páxina
web”, sinalou o alcalde Abel Caballero, salientando que os
traballos realizados acadaron “unha mellora substancial”.
O
rexedor tamén destacou que o novo sitio www.vigo.org
mellora a transparencia estruturando a información de forma
accesíbel e ordenada para atopar de maneira rápida e sinxela os
datos e documentos que se buscan. Amais, co cambio aplicado,
“facilítase a comunicación ofrecendo na páxina principal a
información de actualidade: noticias, avisos, tráfico, axenda
municipal”.
Polo
que se refire ao buscador, trátase dun novo sistema de procura
intelixente que inclúe unha función de autocompletado que ofrece
suxestións preditivas a medida que o usuario empeza a escribir,
tanto en galego como en castelán.