A webserie Buster trunfa no Carballo Interplay

luns, 9 de abril do 2018 Marcus Fernández

O pasado sábado rematou unha edición máis do Carballo Interplay, festival de contidos dixitais que un ano máis confirmou como se pechan as distancias entre as novas plataformas e as tradicionais, á vez que se tenden pontes entre ambos mundos na procura de sinerxías.
O encontro tamén quere servir para destacar os mellores traballos en formato de webserie, para o que teñen uns premios que desta volta contou cun xurado composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Oscar Cruz (en representación da Asociación Galega de Guionistas) e a directora Anxos Fazáns (en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) quen decidiron outorgar os seguintes premios:
- Mellor webserie estatal, dotado con 800 euros e trofeo, para Buster
- Mellor webserie internacional, dotado con 800 euros e trofeo, para Emilia envidia
- Mellor webserie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, para Monumento
- Premio do xurado novo, dotado con 400 euros e trofeo, para Bright Summer Night
- Premio CREA á mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, para David Saínz por Buster
- Premio AGAG ao mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, para David Saínz por Buster
- Premio á mellor actriz, dotado cun trofeo, para Macarena Gómez por Dorien
- Premio ao mellor actor, dotado cun trofeo, para Manuel Noguera por Buster
O público, pola súa banda, concedeu cos seus votos o Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, a Mambo.
O pasado xoves tamén tivo lugar un pitching de proxectos de webseries en galego, que contou con Alberto Fernández Torres (subdirector de contidos e transmedia de RTVE Digital), Maya Nieto Maidagán (directora dixital en Globomedia), José Pereira (director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG), Xose Regueira (concelleiro de Promoción Económica de Carballo) e Sonia Méndez (directora do Carballo Interplay) avaliando as candidaturas e decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Sígueme, de Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos.

PUBLICIDADE