A webserie galega Ecos dun Verán prepara a súa estrea en aberto e de balde

luns, 22 de setembro do 2025 S. P.

Este martes 23 de setembro a nova webserie galega Ecos dun Verán celebra o seu primeiro mes de vida dende o inicio do seu periplo por festivais, que comezou o pasado 23 de agosto no MAC Marín, o festival de cine da localidade pontevedresa. Trala súa selección como finalista na sección Oficial de Webseries, Ecos dun Verán prepara agora a súa estrea en aberto (e de balde) para todo o público.
A serie xira entorno a Loaira, unha moza que logo de rematar a carreira descobre que non sabe que facer coa súa vida. Tras xuntar na casa da súa avoa aos seus amigos do instituto coas novas amizades da universidade, cada un deles coñecerá unha versión diferente dela. Todo isto detona a pregunta máis difícil para Loaira: quen é ela. Lonxe de atopar unha resposta definitiva, “descobre que ao final do día ningunha das versións é completamente certa, pero todas forman parte de ela”, sinalan os seus creadores.
Ecos dun Verán’é unha webserie galega que explora temas como a autopercepción e os cambios vitais durante os seus 4 episodios, e constitúe o primeiro proxecto audiovisual de Álex Tajuelo e María Rego.