A webserie galega Peter Brandon estréase en Vigo este 26 da xaneiro

martes, 23 de xaneiro do 2018 Redacción

Peter Brandon. Unha vida pola comedia, a webserie de Porco Bravú (terceira da súa andaina), vai consumar finalmente a súa estrea (tan agardada) este 26 de xaneiro no Auditorio Municipal de Vigo, ás 21.00 horas. A presentación contará cun monólogo do propio Pedro Brandariz, actor principal da webserie, e despois proxectaranse os tres primeiros capítulos. Por último, ao remate da estrea haberá un coloquio con Jorge Boquete (director da serie) e Óscar Cruz (guionista).
Como lembraremos, Peter Brandon ten ás súas costas os mellores precedentes: o premio ao mellor proxecto de webserie en galego no festival Carballo Interplay 2016 e os seus repetidos éxitos nos diferentes certames onde foi proxectada. Finalmente estreouse en liña (mediante un stream en directo a través de YouTube) en decembro do pasado ano.
Peter Brandon, unha comedia protagonizada polo cómico Pedro Brandariz, é unha sátira do sector audiovisual galego a través “duns personaxes inadaptados”. Cun reparto cheo de caras coñecidas (como Xosé Touriñán, Marcos Pereiro, Miguel de Lira, Evaristo Calvo, María Tasende, David Amor ou Isabel Risco, entre moitos outros), e un formato de falso documental, a serie amosa a vida dun cómico fóra dos escenarios.

PUBLICIDADE