A xeración de vídeo mediante IA dá un paso de xigante con Gen-4 de Runway

luns, 31 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Runway, a compañía líder en xeración de vídeo mediante intelixencia artificial, presentou hoxe Gen-4, a súa nova serie de modelos de IA de última xeración para a xeración de contido multimedia e coherencia narrativa. Gen-4 supón un avance significativo en fidelidade, movemento dinámico e controlabilidade no contido xerado.
Gen-4 marca un novo estándar na xeración de vídeo e representa unha mellora considerable respecto á anterior versión esta tecnoloxía (Gen-3 Alpha). Destaca pola súa capacidade para xerar vídeos altamente dinámicos con movementos realistas, así como pola consistencia entre suxeitos, obxectos e estilos, cun cumprimento superior das indicacións e unha comprensión do mundo sen precedentes.
Usando referencias visuais combinadas con instrucións, Gen-4 permite crear novas imaxes e vídeos con estilos, suxeitos, localizacións e máis elementos consistentes, ofrecendo continuidade e control nas historias.
Para poñer a proba as capacidades narrativas do modelo, realizaron unha colección de curtametraxes e videoclips, entre os que destaca especialmente o de The Lonely Little Flame, curta feita integramente con Gen-4, e na podemos ver unha historia dunha pequena lapa que non consegue facer amigos animais porque os queima.
Outro bo exemplo sería NYC is a Zoo, onde podemos ver as impresionantes capacidades de efectos visuais de Gen-4, coa introdución de animais hiperrealistas en escenas cinematográficas de Nova York. Cada escena do filme foi creada combinando imaxes reais de referencia de animais con fotografías reais da cidade, usando as Referencias de Gen-4, e logo xerando a acción específica de cada escena mediante indicacións.
Gen-4 Image-to-Video está agora despregándose para todos os plans de pago e clientes Enterprise. As Referencias estarán dispoñibles en breve, facilitando así a creación de secuencias con personaxes que se manteñan consistentes durante todo o fluxo de traballo.
Este salto evolutivo da tecnoloxía de xeración de vídeo de Runway demostra que os modelos cada vez teñen unha mellor comprensión do mundo, podendo así simular a súa física, conseguindo así imaxes e animacións realistas e impresionantes efectos visuais, simplificando moito o proceso creativo.

Vídeo de presentación de Gen-4