A xestión educativa galega porase en mans da Intelixencia Artificial máis ética

xoves, 19 de setembro do 2024 S. P.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, constituía na mañá deste xoves 19 de setembro, o grupo de traballo encargado de debater, analizar e poñer en práctica as pautas da incorporación da Intelixencia Artificial (IA) desde unha perspectiva ética na xestión educativa galega.
O Goberno galego reuniu a un grupo de expertos conformado por asesores de distintas áreas da Consellería de Educación: do Centro de Innovación Educativa e Dixital, do Centro Autonómico de Formación, dos servizos de Inclusión, Orientación e Convivencia, de Inspección Educativa e da área de programas de Innovación da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Asemade, tamén participarán expertos do Nodo GalicIA, do departamento de Innovación Dixital e Intelixencia Artificial e da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galician (AMTEGA) e investigadores docentes universitarios.
Segundo Román Rodríguez aplicar os beneficios da IA á xestión educativa traduciríanse nunha “mellora do seu funcionamento e os seus resultados”. Para iso “é clave contar cunhas directrices claras desde o punto de vista ético, que nos guíen con garantía de xeito responsábel e respectuoso con todos os implicados no proceso”.
Exemplos de accións que traerá a achega de IA na xestión educativa galega son: o deseño de exercicios e contidos con distintos niveis de dificultade segundo cada estudante, a elaboración de formatos accesíbeis para alumnado con discapacidades concretas (visual, física...) e a posibilidade de ofrecer explicacións claras e sinxelas de conceptos complexos, a detección temperá de problemas de aprendizaxe ou a automatización de tarefas burocráticas son algunhas das aplicacións prácticas da IA no sistema educativo. Alén disto, están a desenvolverse experiencias reais de formación en FP con Intelixencia Artificial, e nos vindeiros días presentarase a primeira experiencia.
Seguindo esta liña está o proxecto EdugalIA, a iniciativa pioneira da Xunta de Galician para incorporar a Intelixencia Artificial na xestión educativa centrada en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta.
O proxecto EdugalIA opta ao financiamento estatal de Compra Pública Innovadora, cuxa resolución se prevé para este outono. Co fin de recoller solucións de empresas tecnolóxicas para facer realidade este proxecto, a Xunta abriu hai un ano unha consulta preliminar ao mercado que recibiu 40 solicitudes innovadores diferentes procedentes de sete comunidades autónomas. A meirande parte das propostas (o 41,2%) proceden de empresas galegas, seguidas das chegadas desde Madrid (29,4%), Andalucía (8,8%), Cataluña (8,8%), Asturias (5,9%), A Rioxa (2,9%) e Valencia (2,9%).