A xira Xeración D premiará ás localidades da nosa terra con máis empuxe dixitalizador

martes, 13 de xuño do 2023 S. P.

A campaña itinerante Xeración D, impulsada dende RTVE, vai percorrer a provincia da Coruña para axudar á cidadanía para mellorar as súas habilidades dixitais. Levará a diferentes localidades xogos e actividades didácticas, totalmente de balde, que buscan axudar á poboación a potenciar a súa capacitación TIC e poñer freo á fenda dixital. A frota está formada por seis autobuses. Durante os meses de xuño e xullo os visitantes das diferentes unidades móbiles poderán poñer a proba os seus coñecementos na materia a través dunha experiencia dixital inmersiva.
Tocaranse temas como os buscadores da internet, as redes sociais, a ciberseguridade ou as xestións online, todo ilustrado a través dunha manchea de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das competencias dixitais. As actividades son totalmente gratuítas e teñen unha duración aproximada duns 30 - 40 minutos.
O interior da unidade móbil está equipado con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais. “A experiencia”, explican dende, “é completamente personalizada e axústase ás necesidades de cada usuario, por iso o visitante comezará enfrontándose a un test autodiagnóstico que permitirá coñecer o seu nivel de coñecemento dixital para despois superar xogos e actividades variadas e de todos os niveis: desde aprender a realizar unha procura óptima na internet ata fuxir das fake news, optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a túa identidade dixital”.
Ademais, o autobús contará cunha sala de escape na que os usuarios terán que poñer en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr saír da sala. Para aqueles que queiran aprender da man de formadores profesionais, nas unidades impartiranse obradoiros grupais e mesas redondas ao redor da actualidade dixital.
Achégase tamén, a xeito de elemento motivador, o engadido extra de acumular puntos: segundo o número de usuarios que interactúen no autobús, a localidade conseguirá posicionarse no posto número un da clasificación xeral de municipios de España. O municipio que máis puntos obteña terá premio.
Durante os meses de xuño e xullo os autobuses de Xeración D farán parada en horario de luns a xoves de 10.00 a 13:30h e de 17.00 a 20:30h, os venres e sábados de 10:00h a 13:00h e de 17.00 a 21:00h en:
- Santiago de Compostela
- Rianxo
- Boiro
- Santa Comba
- Carballo
- Arteixo
- Culleredo
- A Coruña
- Oleiros
- Sada
- Betanzos
- Fene
- Ferrol
- As Pontes de García Rodríguez
A campaña Xeración D está financiada polos Fondos Europeos – Next Generation a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial (SEDIA), dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital. É unha iniciativa enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que recolle, entre os seus eixos estratéxicos, o reforzo das competencias dixitais dos traballadores e do conxunto da cidadanía coa creación do Pacto pola Xeración D.

PUBLICIDADE