A xira @asLAN comeza o seu percorrido de novidades TIC en Compostela

mércores, 20 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

A nova edición da xira Tour Tecnolóxico @asLAN, que organiza a asociación do mesmo nome por unha manchea de localidades estatais, chega este 21 de setembro ao Hotel Araguaney, en Santiago, baixo o epígrafe Transformación dixital, Todo Conectado. Na cita participarán unhas vinte empresas asociadas achegando os seus puntos de vista sobre as diferentes opcións tecnolóxicas para que grandes e pequenas empresas poidan afacerse ao novo proceso de transformación dixital, tirándolle o máximo partido. A cita de mañá en Compostela será a primeira da xira. Contarase co respaldo do Colexio Oficial de Enxeñería en Telecomunicacións de Galicia (COETG), da asociación tecnolóxica Ineo e do Cluster TIC Galicia. Asemade, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia tamén achegou o seu respaldo.
Entre as empresas que darán a coñecer as súas novidades atópase Gigaset, patrocinadora global do evento. Segundo vén de informar a compañía, esta mostrará ao detalle os seus novos produtos profesionais para as empresas. Máis polo miúdo, Gigaset dará conta do seu catálogo de terminais IP de sobremesa e bases DECT-IP ou sistemas multicela.
O tour @asLAN está encamiñando a crear espazos de encontro e divulgación tecnolóxica. A nivel empresarial o periplo ten o apoio dunha manchea de empresas de primeira liña de mercado, como a devandita Gigaset, Sophos, Cambium Networks, Watchguard, Dell EMC, Flytech, Eset, Alcatel, Allied Telesis, CCTV Center e Thycotic.
Esta edición número 12 do itinerario virará sobre “o papel das tecnoloxías en rede para impulsar a transformación dixital" e ofrecerá, en palabras da organización, “unha ampla perspectiva sobre importantes tendencias de futuro e solucións tecnolóxicas dispoñibles para construír infraestruturas dixitais aliñadas co negocio”. Cousas como a Internet das Cousas ou a nube híbrida.
Durante o Foro Tecnolóxico Santiago, os asistentes coñecerán de primeira man as novidades sobre traballo en rede, Internet das Cousas, centros de procesamento de datos, seguridade, análise da información, identidade dixital, computación na nube, mobilidade e colaboración en rede.

PUBLICIDADE