A xira de divulgación tecnolóxica de R e Cruz Vermella chega este venres 17 a Cedeira

mércores, 15 de setembro do 2021 S. P.

A operadora de telecomunicacións R e Cruz Vermella Galicia chegan este venres 17 a Cedeira ao abeiro da súa xira Enredando tour R, destinada a achegar contidos didácticos que favorezan a inclusión dixital das persoas maiores. A unidade móbil, cuxa xira conta coa colaboración da Consellería de Política Social, estará na praza Roxa de Cedeira e logo seguirá o seu percorrido por unha ducia de localidades das catro provincias.
Durante un mes, o programa percorrerá localidades galegas cunha aula móbil para romper a fenda dixital e ofrecer contidos formativos tecnolóxicos específicos. O propósito é “enredar” persoas maiores no universo das novas tecnoloxías dun xeito lúdico, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida.
A acción de cada recalada da xira consiste nunha aula móbil con contidos formativos vencellados ás novas tecnoloxías. A aula é “unha furgoneta superequipada” que transporta os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes... e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá”, explicou R na presentación.
Este é o calendario previsto:
_13 de setembro: A Coruña
_17 de setembro: Cedeira
_20 de setembro: Viveiro
_21 de setembro: Sarria
_22 de setembro: Monforte de Lemos
_27 de setembro: O Carballiño
_28 de setembro: Verín
_29 de setembro: O Barco de Valdeorras
_4 de outubro: Lalín
_5 de outubro: Ponteareas
_6 de outubro: A Guarda
Para participar nas actividades de Enredando Tour R as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

PUBLICIDADE