A xira dos 50 anos do COIT chega á nosa terra cunha viaxe no tempo aberta a todos os públicos

martes, 14 de novembro do 2017 Redacción

No verán-outono de 1967 comezaba oficialmente a súa andaina o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións (COIT), unha das entidades profesionais que máis ten traballado polas melloras comunicativas no territorio estatal. Para celebrar este medio século e as moitas actividades realizadas ao longo dese tempo, a entidade ten programada para esta recta final de 2017 unha manchea de accións de gran interese para todas as xeracións. Entre as actividades previstas salienta unha experiencia de realidade virtual inmersiva aberta ao público que permite interactuar en diferentes momentos históricos. Esta iniciativa percorre diferentes puntos da xeografía española mostrando a historia das telecomunicacións e “o rol fundamental dos enxeñeiros de Telecomunicación na transformación da sociedade”. Grazas ao Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), esta experiencia aberta a todos os públicos percorrerá as cidades de A Coruña, Pontevedra e Vigo.
Entre os días 15 e 19 de novembro poderase experimentar no museo interactivo Domus de A Coruña, coincidindo coa conmemoración da Semana das Ciencias. Os días 21 e 23 de novembro trasladarase ao Museo de Pontevedra e finalizará o percorrido na Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, na que o equipo de realidade virtual estará ó servizo dos usuarios os día 27, 28 e 29 do mesmo mes de novembro. A entrada aos museos terá carácter gratuíto.
Segundo informa o COIT e reflicte o COETG, a traveso desta visualización en realidade virtual a entidade estatal quere dar a coñecer a profesión do enxeñeiro de Telecomunicación á sociedade. Búscase tamén poñer en valor o labor da institución no seu medio século de vida, e subliñar a importancia das telecomunicacións na Sociedade.
A historia das telecomunicacións como nunca a viras antes!
Grazas á realidade virtual o usuario convértese en protagonista activo da historia, permitíndolle trasladarse ata 1912 á sala de telégrafos do Titanic no momento do afundimento, e poder dar o aviso de emerxencia SOS máis famoso da historia a través do código Morse salvando a vida a máis de 700 persoas, ou vivir en primeira persoa a invasión alieníxena de Orson Welles en 1938 grazas á radio. Ademais, o usuario poderá rememorar a primeira conexión telefónica da historia en 1878 e pasar unha chamada, ou ser testemuña do momento en que Armstrong en 1969 pisou a lúa, aquel histórico paso para o home e que se retransmitiu en directo ante máis de 500 millóns de telespectadores.

PUBLICIDADE