A xira dos Bolechas protexendo o monte galego comezou nos concellos... e na Rede

luns, 18 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Regresan este verán os irmáns Bolechas ao programa de promoción do galego FalaRedes, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. E farano percorrendo estes meses case dúas ducias de concellos da RDL. Así se fixo saber este 16 de xuño en Monforte, de man do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que participaron na estrea da actividade Os Bolechas e o amigo Monte. Segundo lembraron, Os Bolechas e FalaRedes terán novamente unha importante vertente dixital, co fin de fortalecer o uso das ferramentas e dos dispositivos tecnolóxicos na promoción do galego.
Concretamente, e co obxectivo de que “a actividade de dinamización lingüística teña continuidade máis alá do día do espectáculo”, os asistentes ás representacións obterán unha palabra clave que lles permitirán acceder á web www.lingua.gal/bolechas-amigo-monte, onde atoparán diversos contidos (xogos, diplomas, unidades didácticas...) e poderán participar en sorteos de lotes de libros. Ademais, para as familias que queiran participar nestas actividades, dicirlles que hai está dispoñíbel toda a información e o calendario de funcións no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
Respecto da obra Os Bolechas e o amigo Monte, trátase dunha “nova aventura” que servirá, “ademais de para pasalo ben”, para mostrar ás crianzas “a importancia de coidarmos o monte e a maneira de facelo, iniciándoos na prevención dos incendios forestais”. Para iso, Os Bolechas solicitarán a intervención do público en probas de habilidade axeitadas para rapaces de 3 a 9 anos e establecerán un diálogo con eles acerca do monte, da súa fauna e da súa flora.
Os Bolechas e o amigo Monte visitarán até o domingo 29 de xullo as localidades de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Corcubión, Cabana de Bergantiños, Teo, Lousame, A Coruña, Ramirás, Baiona, Vilaboa, Barreiros, Mondoñedo, Cangas, Chantada, Portas, Ferrol, Frades, Bande, Oímbra, Coristanco e Arzúa, todas elas adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL).

PUBLICIDADE