A xornada CIMS GAL pon de relevo a importancia de vivirmos en smart cities

xoves, 15 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A concelleira de Ponteareas durante a celebración do CIMS GAL

Este 14 de marzo falouse na Cidade da Cultura de smart cities e de todo o que poden facer as tecnoloxías para mellorar a xestión das cidades e a calidade de vida das persoas, ao tempo que se crean contornas máis sustentábeis. Estamos a falar da xornada CIMS GAL (Cidades Innovadoras Modernas Seguras) na que participaron, entre outras entidades, concellos como o de Santiago, Vigo e Ponteareas, o Clúster TIC, a axencia AMTEGA, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ou Vicepresidencia da Xunta.
Na cita, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou a aposta do Goberno galego para fomentar a accesibilidade en todos os ámbitos e lograr cidades máis intelixentes. No acto de apertura do evento, Rueda avogou por unha administración doada, útil e próxima para os cidadáns, no marco do que cualificou como "movemento imparábel" a prol da accesibilidade das institucións públicas.
Pola súa banda, o presidente do Clúster do TIC de Galicia, Antonio Rodríguez, interveu na apertura da xornada para por de relevo a importancia das tecnoloxías smart para as contornas urbanas como un sector en auxe na economía dixital. Ao seu xuízo, cómpre traballar para "atopar novos modelos de prestación de servizos onde o sector privado asuma tamén riscos baseados na tecnoloxía”.
No acto tamén concorreu, entre outras administracións locais galegas, o Concello de Ponteareas, a través da súa concelleira de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior do Concello de Pontearea, Cristina Fernández, quen interveu acompañada do técnico da EDUSI, Víctor Varela. A edil salientou “a importancia de estar sempre renovándose e actualizando a formación e os métodos de xestión para ofrecer servizos máis áxiles, eficaces e de calidade á cidadanía”. Tamén engadiu “a necesidade de coñecer as últimas lexislacións e normativas en materia de protección de datos” e fixo fincapé nos esforzos de Ponteareas para “actualizarse e converterse nunha cidade de futuro, tal e como se marca na estratexia Ponteareas, Hábitat Saudábel, e para dar cumprimento ás novas normativas e aplicar as novas ferramentas tecnolóxicas na mellora da calidade de vida da veciñanza”.
A cita veu da man do Clúster TIC Galicia, Vicepresidencia da Xunta e as axencias AMTEGA e GAIN. Polo evento pasaron diferentes profesionais afondando en aspectos vitais para as administracións públicas (Leis 39 e 40, RGPD, Transparencia, Open Data, nueva LCSP de 9 de marzo,…) e que terán aínda máis relevancia no futuro. Nunha única mañá déronse cita representantes da Axencia Española de Protección de Datos, da Subdirección Xeral de Fomento da Innovación, da Subdireccións Xeral de Desenvolvemento Urbano, da Secretaría do Estado para a Sociedade da Información e da Secretaría Xeral da Administración Dixital, das Axencias Galegas de Innovación e de Modernización Tecnolóxica (GAIN e AMTEGA), dos Concellos de Santiago e de Vigo, de Ruta N de Medelllín, da Universidade de Santiago e de empresas especializadas en seguridade protección de datos.

PUBLICIDADE