A xornada de exhibición da Liga Maker Drone xuntará na Coruña a 200 escolares galegos

mércores, 18 de maio do 2022 S. P.

Este venres 20 de maio celebrarase no Coliseum da Coruña (a partir das 10.45 horas) a xornada final da primeira edición da Liga Maker Drone impulsada pola Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), e na que participarán preto de 200 estudantes de terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) provenientes de 18 centros escolares de toda Galicia.
Nesta xornada de exhibición os equipos de escolares mostrarán as solucións que estiveron desenvolvendo para responder ao reto da liga, que consiste en idear, deseñar e programar un vehículo aéreo non tripulado con capacidade para recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior dun edificio, a zona concreta do mesmo onde sexa preciso extinguir un incendio no menor tempo posíbel”.
O ITG explica que das demostracións das propostas ao desafío, que se realizarán en formato torneo con dúas roldas eliminatorias e unha final, sairá o equipo gañador da competición. Este premio será entregado por José María Arias, presidente da Fundación Barrié, e Carlos Calvo, director de ITG. Ademais, haberá distincións para outros catro equipos: ao mellor deseño, que será entregado por Fernando Guldrís, director xeral do IGAPE; á solución máis disruptiva, que entregará Gabriel Alonso, vicepresidente e xefe de vendas en España de Airbus Defence and Space; o premio á destreza en voo, entregado por Victoria González Otón, técnica de Xestión Operacións ATM en Enaire, e un premio especial do público á mellor presentación, que entregará Inés Rey, alcaldesa da Coruña.
O xurado estará formado por Iván Merino, piloto de drons de carreiras profesional e campión de España; Fernando González, brigada da Unidade Militar de Emerxencias (UME); José Ignacio Vidal; especialista en computación científica en Boeing; Marcos Ortega, director da Cátedra en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas ITG-CITIC da UDC; Livia Castro, xornalista especializada en drons en Infodron.es e Juan Maceiras, bombeiro da Asociación Sociocultural Bombeiros de Galicia.


PUBLICIDADE