A xornada de presentación de TRAFAIR incluirá catro mesas redondas sobre a contaminación do ar e xeitos de combatela

mércores, 15 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O vindeiro xoves 23 de xaneiro, o edificio Cersia (Santiago) acollerá a presentación local do proxecto europeo TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality), unha iniciativa na que participa o Concello de Compostela, xunto co CESGA, o CiTIUS e unha manchea de entidades internacionais, na busca e consolidación de ferramentas tecnoloxías que avalíen da maneira máis eficaz posíbel a calidade do ar nas cidades, achegando respostas de valor para minimizar e combater a contaminación derivada do tráfico de vehículos de combustíbel. A xornada, que será inaugurada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, contará con catro mesas redondas nas que se abordarán diversos ámbitos deste programa.
O proxecto TRAFAIR, liderado pola universidade italiana de Módena, supón un investimento total de 2,2 millóns de euros. Desa cifra, a Compostela 170.000 euros, dos que o 75% proceden de fondos FEDER e o resto de fondos municipais.
Obxectivo concreto e dispositivos
TRAFAIR ten como obxectivo proporcionar ás administracións públicas ferramentas para coñecer a calidade de aire dentro da cidade. Ao abeiro deste cometido, o Concello compostelán mercará sensores de baixo custo de tráfico e contaminación para instalalos en diferentes recantos da cidade, como a praza de Vigo, a praza de Galicia, a praza Roxa ou Virxe da Cerca. Os dez dispositivos previstos mediarán o nivel de partículas contaminantes e permitirán coñecer os fluxos de circulación das partículas contaminantes no aire. Unha vez recompilados e analizados os datos, desenvolveranse aplicacións móbiles para elevar a concienciación sobre a contaminación atmosférica urbana e crearanse ferramentas de control efectivas pensadas para as administracións.
Presentación e mesas redondas
Sobre estas e outras cuestións falarase na xornada que se celebrará no Cersia o 23 de xaneiro. Inauguraraa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, nun acto no que tamén participarán Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC; Patricia Argerey Vilar, presidenta do CESGA e directora da Axencia Galega de Innovación; e María Cruz Ferreira Costa, directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
A continuación, José Ramón Ríos Viqueira, do Departamento de Electrónica e Computación, COGRADE – CiTIUS (USC) e director do proxecto TRAFAIR, Nodo Santiago de Compostela, será o encargado de explicar os detalles do programa. Tras esta presentación, celebraranse catro mesas redondas, coas seguintes temáticas: Proxectos Smart Cities: experiencias locais en mobilidade urbana sustentábel, A contaminación nas cidades: o reto para a mellora da calidade do aire, impactos e medidas correctoras, Sensórica e infraestruturas hardware e software e Modelos de tráfico e contaminación.
Máis de dous millóns de euros e oito socios europeos
O proxecto ten unha duración de 24 meses, até finais de outubro de 2020. A Universidade de Módena é xefe de fila do proxecto, no que ademais do Concello de Santiago tamén participan as Universidades de Florencia, Zaragoza e Santiago, o Concello de Módena, a rexión de Toscana, e Lepida SpA, o organismo creado pola rexión italiana de Emilia-Romagna para a implementación da Axenda Dixital. O orzamento total é de 2,2 millóns de euros, dos que case 1,7 millóns procederán de fondos europeos FEDER.

PUBLICIDADE