A xornada final de Tech Kids contará coa participación de 200 rapazas e rapaces

mércores, 14 de novembro do 2018 Redacción

Esta finde, o 18 de novembro, a Cidade da Cultura será un fervedoiro de tecnoloxía divertida e creativa. O motivo? A celebración da xornada final do programa Tech Kids, unha iniciativa itinerante que percorreu a nosa terra os meses pasados mostrando á rapazada a importancia de programar e ter coñecementos teorico-prácticos de informática, ciencia e robótica.
Tanto a cita final de Tech Kids coma as xeiras previas viñeron da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A sesión deste 17 desenvolverase pola mañá, a partir das 11.00, no Hall de Tirantes do Museo da Cidade da Cultura, en Santiago. Participarán unhas 200 persoas.
A actividade está destinada a “estimular o talento precoz no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicacións, as TIC, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova”.
En concreto, como dixemos, a organización ten prevista a participación de aproximadamente 200 rapazas e rapaces de entre 10 e 17 anos. Organizarase unha xincana tecnolóxica con tres sets independentes: vídeo-mapping interactivo, panel de chroma key e jam musical, ademais de varios talleres de drons. O evento será gravado, precisamente, cun vehículo aéreo non tripulado e crearase un vídeo de promoción que servirá de peche á xornada educativa e lúdica. Os asistentes recibirán unha bolsa de picnic e terán zona de xogos dispoñíbel para o seu esparexemento.
No set de vídeo-mapping interactivo, os participantes poderán controlar en tempo real distintas figuras xeométricas proxectadas, sen tocar ningún dispositivo e utilizando as tecnoloxías madmapper, leap motion e midifighter. O sistema, en palabras das entidades organizadoras, un crebacabezas interactivo onde os rapaces deberán organizar os cadros de maneira que se mostre correctamente a proxección resultante, co obxecto de compoñer un vídeo nas caras frontais dos cubos mediante movementos aéreos.
No panel de chroma key, a rapazada posará diante dun sistema de subtracción de fondo para aparecer dentro dun escenario proxectado en tempo real. Disporase dunha pantalla de fondo verde para que os participantes se poidan ver dentro dun escenario, imaxe que será proxectada nunha parede do recinto.
Polo que respecta á jam musical, as mozas e mozos participantes poderán tocar música mediante un sistema informático de música en directo, configurado para que ata tres persoas participen de xeito simultáneo. O sistema restrinxirá as escalas musicais dos instrumentos e recolocará a posición das notas.
Os rapaces poderán participar tamén en obradoiros teórico-prácticos de drons aéreos e terrestres, onde se lles explicará todo o relacionado co uso legal destes aparellos, así como conceptos básicos de electrónica, mecánica e responsabilidade. O obxecto é “que a nosa mocidade coñeza este sector e as súas posibilidades laborais”. Ofrecerase unha exhibición de voo de drons de diferentes tamaños na que participarán os máis pequenos.
Ademais de todo o devandito, a xornada contará cunha conferencia sobre novos escenarios e contidos virtuais, que impartirán o director e fundador do Festival Internacional de Animación, Videoxogos e Infoarquitectura, Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o co-fundador da produtora audiovisual Illusorium Studios, Raúl Rocha, ás 12:00 horas.
673 rapaces participaron en 57 xornadas
O CPEIG e AMTEGA organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa Tech Kids, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Organizáronse 57 xornadas nas aulas CeMIT de diversos concellos das catro provincias galegas nas que participaron 673 alumnas e alumnos.

PUBLICIDADE