A xuntanza en liña do OCS fará fincapé na Rede como canle de participación e coñecemento aberto

venres, 10 de novembro do 2006 Adolfo Estalella

Un mozo abre un blog e airea ao mundo as inxustizas da súa escola, un grupo de cidadáns crea unha enciclopedia colaborativa na que parodian diversas institucións, e un publicista dedícase a recompilar anuncios en vídeo para criticalos despois. Miles, centos, ou simplemente un puñado de descoñecidos son testemuñas destas iniciativas posteriormente. Apláudenas e compártenas, achegan as súas propias opinións e critican, con argumentos ou sen eles. O debate iniciouse.
A calidade das imaxes ou a precisión dos argumentos que se manexan carecen de importancia. O fundamental é o debate. Todos eles están a participar na esfera pública da nosa sociedade. Toman parte en discusións, mergúllanse na política e na construción da cultura a través de tecnoloxías sociais como os blogs, wikis, infraestruturas de etiquetado social (folksonomías) e redes para compartir vídeos ou imaxes. Proxectos nos que se produce coñecemento de xeito colaborativo, coñecemento aberto que pode contribuír a facer que as nosas sociedades sexan máis libres, o lema que este ano preside o III Congreso Online do Observatorio da Cibersociedade (OCS). Un encontro que reúne a centos de investigadores coa proposta de reflexionar sobre o impacto das TIC na democratización das nosas sociedades.
Tres casos, os sinalados máis arriba, que acabaron enfrontándose a problemas legais en España. A construción social e técnica de Internet atópase perante unha bifurcación permanente. Avanzando nun sentido as TIC e Internet consolidan un espazo social para a participación cidadá. Seguindo o outro ramal, estas tecnoloxías dan lugar a un novo tecido empresarial que reclúe aos cidadáns no papel de sempre: acurralados no recuncho dos simples consumidores de información e contidos, Internet convértese noutra caixa parva.
Unha ollada á historia das tecnoloxías da comunicación amosa que estas experimentaron enormes metamorfoses no seu desenvolvemento. Os primeiros anos da radio tiveron certa analoxía cos de Internet. As ondas eran un espazo de comunicación construído pola iniciativa de particulares e organizacións civís, educativas e relixiosas. Un afeccionado podía montar na década de 1920 unha radio como hoxe en día se crea unha páxina web (aínda que a tarefa era considerablemente máis dificultosa).
Pero os Estados sacrificaron a iniciativa cidadá e regularon o novo medio para que só tivesen acceso a el os grandes conglomerados empresariais que desexaban explotalo comercialmente. Internet pode seguir os mesmos vieiros. As posibilidades que hoxe existen para participar na construción dun coñecemento libre poden quedar afogadas polas aspiracións reguladoras dos Estados e o celo depredador dalgunhas empresas e institucións privadas.
Hai uns meses, un instituto madrileño de Arganda do Rei expulsaba a un alumno polas críticas que envorcou contra o centro, e un xulgado condenábao a unha multa de 200 euros porque un anónimo (e non o rapaz autor do blog) escribiu un comentario ameazante contra un profesor: “José Antonio morre fillo puta que cando teña coche como che vexa pola rúa atropéloche marica”. Ante unha situación como esta é imprescindible sopesar coidadosamente o dereito das persoas a protexer a súa honra, non se pode aceptar un comentario como este; pero as medidas que se adopten deberían protexer o dereito dos cidadáns a expresarse libremente.
Un mozo que abre un blog para criticar de xeito argumentado a xestión educativa do seu centro está a exercer un dereito lexítimo ao debate público, está participando na política. Poñerlle trabas significa desanimar a implicación de centos doutros rapaces na esfera pública. É ese o tipo de sociedade que buscamos?
Conflitos como este non deixarán de proliferar nos próximos anos. Con cada unha das decisións que toman as empresas mediadoras (esas que proporcionan a tecnoloxía) e os tribunais, configúrase o espazo social de Internet. A batalla xógase xa en tres grandes frontes: a privacidade, o copyright (dereitos de autor) e a liberdade de expresión.
Cada vez que un usuario emprega contidos de vídeo en YouTube para criticar, parodiar ou satirizar institucións, personaxes públicos ou empresas, expoñerase ás iras duns e ás posibles demandas doutros. As empresas comezaron a empregar xa o copyright e a lei de dereitos de autor como mecanismo para acalar as críticas. Para moitas empresas, os cidadáns só podemos ser testemuñas da publicidade e dos contidos con que nos bombardean, pero se decidimos usar eses contidos sen fins de lucro, as empresas que os elaboraron poden recorrer ao copyright para acalar a crítica. Iso fixo a empresa Diesel cando obrigou a YouTube a borrar do mapa a conta dun usuario que publicara un anuncio de vídeo da marca. Podemos aceptar algo así?, que marxe deixa ao debate e á crítica?, que espazo deixa para a nosa participación na construción das nosas sociedades?
Os nosos tribunais e as empresas tecnolóxicas, terán que decidir si se poñen ao lado dos cidadáns que participan na construción da cultura e interveñen no debate público, ou se secundan os argumentos de quen non admite a crítica. E será a nosa responsabilidade, a dos cidadáns, pelexar por converter Internet e desenvolver a través das TIC espazos participativos para intervir na construción política das nosas sociedades. Se non o facemos, estaremos permitindo que nos reclúan de novo no recuncho dos consumidores mentres Internet convértese noutra caixa parva.

PUBLICIDADE