ABANCA adapta a súa aplicación móbil ao iPhone X

xoves, 16 de novembro do 2017 Redacción

A aplicación móbil de ABANCA para iPhone vén de recibir unha actualización para aproveitar todo o potencial do iPhone X e de iOS 11. Algunhas das principais melloras nesta versión da banca móbil son exclusivas para os propietarios do novo iPhone X, que poderán acceder á aplicación dun xeito máis cómoda grazas a Face ID, o novo sistema de seguridade biométrica que substitúe á pegada dactilar.
A identificación facial permite un acceso máis áxil, pero tamén máis seguro e fiable respecto a sistemas anteriores segundo Apple. A aplicación, desenvolvida integramente en Galicia, tamén redeseñouse para o iPhone X e ofrece total integración coa curiosa pantalla deste smartphone, maior que outros modelos e cunha identificable franxa na parte superior.
Ademais destas melloras, as novidades tamén chegan a calquera usuario da aplicación para iPhone. A partires desta versión, o asistente Siri poderá informar do saldo das contas do cliente en ABANCA utilizando exclusivamente a voz. Antes de amosar esa información, o usuario deberá validar a petición coa pegada ou coa identificación facial. Esta funcionalidade súmase ao envío de diñeiro desde o móbil ao caixeiro a través da voz, que a entidade financeira xa implantou de maneira pioneira no sector en xuño.
A nova versión da banca móbil para dispositivos Apple conta cun novo sistema de indexado da información que permite un uso máis áxil. A aplicación de banca móbil de ABANCA indexa agora aquelas operacións que temos gardadas en favoritos ou que utilizamos de maneira recorrente e permite acceder dun xeito máis directo, tras unha procura a través de Spotlight.
Os usuarios que actualicen a aplicación de ABANCA tamén accederán a un novo sistema de preguntas frecuentes que conta cun procesamento máis natural da linguaxe, desenvolvido da man de Inbenta. Esta nova versión tamén permite contratar un maior número de produtos, como tarxetas, dunha maneira sinxela e intuitiva.

PUBLICIDADE