ABANCA aumentou nun 39,1% a cifra de interaccións dixitais mensuais

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

ABANCA fixo hoxe balance do acadado en 2017, tanto a nivel de números (obtivo un resultado neto de 367 millóns de euros, un 10,0% máis que no exercicio anterior) como a nivel de pasos innovadores. Neste último punto, os responsábeis da entidade bancaria galega fixeron saber que se conseguiu “un importante avance do modelo de negocio dixital de ABANCA”, o que se traduciu, engadiron, “nun aumento do 39,1% no número de interaccións dixitais mensuais”. Polo que atinxe á actividade comercial con clientes, tamén medrou, dando como resultado un volume de negocio total de 65.556 millóns de euros.
Os responsábeis da entidade bancaria tamén fixeron reconto dos principais fitos tecnolóxicos logrados ao longo do ano que vimos de deixar atrás, un ano que se caracterizou por “un fortalecemento da capacidade de adaptación aos cambios que as novas tecnoloxías están a exercer nos hábitos de consumo da cidadanía”. Na cita cos medios de comunicación (na que participaron Juan Carlos Escotet Rodríguez, Francisco Botas e Alberto de Francisco, presidente, conselleiro delegado e director xeral financeiro de ABANCA) lembrouse a relevancia do lanzamento, en 2017, da aplicación de banca que permite ás empresas asinar operacións desde o seu móbil, do servizo Wallet de ABANCA Pay, da implantación da identificación facial Face ID para acceder á banca móbil con iPhone X ou do servizo de videochamada como procedemento para facerse cliente. Rodríguez, Botas e de Francisco tamén salientaron o fornecemento da posibilidade de realizar envíos de diñeiro de móbil a caixeiro a través de voz. “Estes avances no modelo de negocio dixital”, recordaron, “víronse apoiados cun aumento do 39,1% no número de interaccións dixitais mensuais”.
Por outra banda, no plano visíbel da tecnoloxía, lembraron que ABANCA continuou coa implantación do seu novo modelo de oficina na súa rede comercial e coa renovación do seu parque tecnolóxico (caixeiros, TPV, Microsoft Surface, etc.).

PUBLICIDADE