ABANCA e IESIDE xuntan en Compostela centos de expertos de todo o mundo arredor dos retos da transparencia

mércores, 20 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Como conseguir no dixital, e botando man de ferramentas dixitais, que a información dunha entidade financeira coincida punto por punto co que de verdade se está a xerar nesa entidade financeira? Que beneficios ten esta vontade de transparencia tecnolóxica para unha entidade? As vantaxes (credibilidade, fiabilidade, confianza, participación, ética) compensan os riscos? Disto e de moitas cousas máis vaise falar os vindeiros días, entre o 27 e o 29 de setembro, no marco do XIX Congreso Internacional AECA, organizado en Compostela, de maneira conxunta, por ABANCA e o o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) baixo o título de Información corporativa. Claves para un crecemento sostido nunha contorna dixital. O evento foi presentado hoxe en todos os seus detalles, na sede de ABANCA na praza de Cervantes de Santiago.
No acto participaron Miguel Ángel Escotet, director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e reitor presidente de IESIDE, José Luis Lizcano, director xerente de AECA, e Manuel Rodríguez, xerente de Cobros e Pagos de ABANCA e director da Cátedra AECA-ABANCA.
Segundo fixeron saber, trátase dun ambicioso encontro internacional nunha cidade internacional. De feito, non é casualidade que se desenvolva nun emprazamento que é encrucillada e destino de viaxeiros, Compostela, nin de que se busque a concorrencia da meirande cantidade especialistas na materia (20 entidades colaboradoras, comezando pola propia Casa Real e incluíndo a Xunta e o Concello de Santiago; 300 congresistas de dez países, medio cento de relatores). Do que se trata, sinalouse na rolda de prensa, é de afondar, a través de contactos e de redes de intercambio de coñecemento, nos desafíos da era dixital para o sector empresarial e financeiro, asentando os alicerces de vindeiros proxectos conxuntos. Dito doutro xeito: o congreso virá con feitura global para afondar unha cuestión global: a información corporativa como clave para un medre sostido.
Segundo sinalaron os participantes na rolda da prensa, esta importancia dos datos estase a traducir nunha relevancia cada vez maior da transparencia, tanto a nivel de entidades públicas como, por suposto, a nivel de empresas. Neste senso, e tendo en conta até que punto é consciente a comunidade internauta (cidadáns en canto ás institucións, clientes en canto a entidades financeiras e empresas) da importancia da transparencia, o evento compostelán centrará boa parte dos seus esforzos en mostrar recursos para garantir esta demanda: que o que se diga sexa real e veraz.
Amais destas cuestións, trataranse temas clave como as novidades na normativa española e internacional sobre contabilidade e auditoría, todo da man de cualificados relatores procedentes de diversos ámbitos e países.
Detalles do programa
A conferencia inaugural correrá a cargo do subsecretario de Economía, Industria e Competitividade, Alfredo González-Panizo, que dará paso á xornada profesional dedicada ás Novidades na normativa española e internacional sobre contabilidade e auditoría, onde o regulador, as corporacións profesionais, firmas e académicos de primeiro nivel tratarán as principais novidades contables aprobadas polo RD 602/2016, de 2 de decembro, polo que se modifican o PGC, o PGC de Pemes, as NOFCAC e as normas de adaptación do PGC de ESFL, ademais das próximas normas internacionais a ter en conta: NIIF-UE 9; NIIF-UE 15 e NIIF 16.
No primeiro día do congreso haberá tamén sesións e seminarios sobre práctica profesional en auditoría e aplicación da nova lei do sector, impartidos polos subdirectores do regulador e outros axentes implicados ademais de expertos contables acreditados (ECA).
O segundo día adicarase á Información corporativa e economía dixital, onde a través de dous obradoiros específicos, unha conferencia-coloquio e un simposio internacional, abordaranse cuestións vencelladas á economía dixital para o sector financeiro, o financiamento empresarial e das PEME, así como a transparencia da información corporativa. Segundo se fixo saber na rolda de prensa, “haberá relatores de importantes organismos internacionais, ademais de conselleiros e directivos de importantes entidades financeiras”.
O último día do evento adicarase a un workshop sobre responsabilidade social corporativa, ademais das sesións paralelas de exposición de comunicacións dos propios congresistas e unha sesión onde se presentarán os últimos documentos AECA e as súas novas opinións emitidas polas súas comisións de estudo, ademais da nova revista AECA-FAEDPYME, e as novidades de experto contable acreditado (ECA), acreditación de referencia para o profesional da contabilidade. A entrega do Premio Enrique Fernández Peña de Historia da Contabilidade 2017, e dos diplomas REFC e certificados CDCC, darán paso ao anuncio do vindeiro Congreso e Encontro AECA, tras o cal, procederase a dar clausura á xuntanza.

PUBLICIDADE