ABANCA e USC salientan as vantaxes das TIC no envellecemento activo
martes, 10 de outubro do 2017
Afundación
(ABANCA) e a Universidade de Santiago (Grupo
USC-PSICOM) presentaron
hoxe un
informe sobre envellecemento activo e as metodoloxías futuras máis
axeitadas para alentalo e para afrontar con saúde e calidade de vida
un fenómeno demográfico (o envellecemento da nosa poboación)
que irá a máis nos anos vindeiros (en
2031 o 39% dos galegos terá máis de 60 anos). O
informe conclúe que as persoas que participan nos programas de
envellecemento activo, cuxa
base está constituída en boa medida polo uso das TIC,
mostran “niveis significativamente mellores”, tanto na saúde
global, como na participación e a contribución social en relación
a outras persoas da mesma idade, igualmente autónomas e
independentes, pero que non participan en actividades.
O
estudo realizouse grazas a unha nova ferramenta deseñada pola
Universidade de Santiago, o Índice Persoal de Envellecemento Activo
(IPEA USC), en
palabras da institución académica compostelá “a
primeira no mundo que permite avaliar e cuantificar o nivel de
envellecemento activo particular de cada individuo”.
Con este recurso o
equipo de traballo da USC fixo
391 entrevistas a persoas maiores de 55 anos divididas en dous
grupos: socios que acoden a programas de envellecemento activo e
persoas que non participan en ningún tipo de actividades destas
características. Para avaliar o impacto tivéronse en conta as dúas
dimensións que constitúen
o envellecemento activo a nivel persoal, a participación global (que
se refire ao emprego, a participación social, a formación continua,
o uso das
novas tecnoloxías da información
e o lecer) e a saúde integral (que inclúe a saúde física,
funcional, cognitiva, o estado afectivo e o estado social). A
conclusión é que os participantes nestes programas teñen un nivel
de envellecemento activo elevado, de 0,71 sobre 1, dez puntos máis
que os que non participan, o que, en
palabras da USC e ABANCA,
“probaría a súa eficacia”.
No
estudo dise ademais que “en xeral, as
persoas que realizan actividades deseñadas especialmente para
promover un envellecemento activo teñen un estado de saúde que
supera en 6 puntos os que non seguen estes programas”. En
termos concretos,
teñen menos doenzas
e síntomas físicos, maior satisfacción co seu estado de saúde,
mellor funcionamento cognitivo e están máis activos
dende o punto de vista mental.
Na
investigación, respecto
da participación global dos
maiores,
a diferenza nos índices elévase até
14 puntos como media. Así, sinálase,
os usuarios destes programas “participan máis na sociedade e xeran
máis contribución social, usan máis frecuentemente as TIC e gozan
dun lecer máis variado e estimulante”.
Partindo
destes resultados, sinalou
na presentación dos mesmos
Sabela Couceiro, coordinadora de Envellecemento
Activo de Afundación, “extraéronse unha serie de
recomendacións para reforzar os aspectos máis febles
do programa e, desa
maneira,
favorecer un envellecemento activo de maneira máis integral”.
Algunhas propostas son: “Incluír
estratexias para xestionar as emocións e favorecer estados de ánimo
positivos, levar a cabo accións que favorezan a participación e a
contribución social e incidir nas actividades que contribúen a
aumentar a autonomía, a autoaceptación, o crecemento persoal e a
visión máis positiva da vellez”.
Couceiro
tamén recordou que a Afundación
dispón dunha rede propia de 11 espazos, situados nas sete principais
cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte,
Pontedeume e Viveiro). Os centros, que contan na actualidade con máis
de 12.000 persoas socias, foron concibidos “como espazos destinados
a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga
ofrecéndonos oportunidades de medrarmos
persoalmente e
de continuar formándonos”.
Con
este obxectivo, ofrécese unha programación que abrangue
“diferentes dimensións do envellecemento activo”, con
diversidade de propostas que se estruturan en cinco bloques: hábitos
saudábeis,
cultura e expresión artística, formación e coñecemento, novas
Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC)
e lecer activo.