ADEGA lanza Cerna TV, a primeira canle galega específica de activismo ambiental

luns, 27 de xaneiro do 2020 Redacción

A asociación ecoloxista ADEGA vén de estrear Cerna TV, unha canle audiovisual para “a difusión dixital de vídeos con contidos de carácter ambiental, ecoloxista ou de defensa do patrimonio natural e cultural de Galiza”. Segundo explica a organización, Cerna TV sería “a primeira canle audiovisual galega destinada estritamente á difusión pública de contidos ambientais e ecoloxistas do noso territorio”.
Con esta iniciativa, ADEGA pretende ampliar e diversificar os seus medios de difusión pública, colaborar na divulgación de producións audiovisuais alleas de interese ambiental e producir contidos audiovisuais propios para as redes sociais e, tamén, para un público máis familiarizado con este tipo de soportes. A canle sería un complemento dos medios dos que xa dispón a asociación, entre os que se atopan a Revista Cerna e Radio Cerna, entre outros, todos eles accesíbeis na web de ADEGA.
Segundo explica ADEGA, Cerna TV conta con diversos apartados ou seccións que se establecen en función do tipo de contidos, ademais dunha pantalla principal na que se reproducen as pezas audiovisuais máis destacadas ou actuais. En todos os apartados recolleranse tanto producións propias como alleas que encadren nesta tipoloxía de contidos: Conservas Co Ecoloxismo, Eventos, Vídeo-denuncias e Documentais.
Cerna TV estréase coa primeira entrega da sección Conversas co Ecoloxismo que protagoniza o doutor en Ciencias Biolóxicas, experto en contaminación atmosférica e expresidente de ADEGA, Ramón Varela Díaz. O autor do libro Contaminación atmosférica de Galiza analiza na primeira entrevista da canle cal foi a evolución das emisións contaminantes na última década, a crise de Alcoa e outras industrias electrointensivas asentadas na nosa terra, ou, tamén, a forma na que as administracións públicas están a abordar a transición industrial cara a un futuro descarbonizado que representa o peche das térmicas galegas. Cerna TV emite esta entrevista de forma íntegra ou separada en distintos bloques temáticos.

PUBLICIDADE