ADICAE achéganos consellos e formación de cara ao uso de redes sociais

xoves, 3 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A asociación de usuarios de servizos bancarios ADICAE vai organizar en Santiago un curso práctico sobre uso e experiencia en redes sociais, publicidade dixital e información. A actividade formativa, que é de balde, desenvolverase ao abeiro do proxecto Retos dos consumidores ante as redes sociais e a innovación dixital, financiado polo Ministerio de Sanidade. O curso, que comeza este 10 de outubro, constará de catro sesións impartidas en dous días diferentes. Todas as sesións serán impartidas na aula CeMIT do Edificio CERSIA de Santiago, de 17:00 a 19:00.
A primeira xeira de divulgación será este 10 de outubro pola tarde, abordando os seguintes contidos: introdución ao uso das redes sociais e as ferramentas dixitais (temas impartidos por Talía Rodríguez e terá unha duración de 60 minutos); e riscos e cautelas para o consumidor na información e na interacción nas redes sociais (sesión achegada por David Lourido, cunha duración de 60 minutos, na que se abordarán a importancia de sabermos distinguir as informacións falsas e protexernos ante as tentativas de fraude ou roubo).
O xoves 24 de outubro celebrarase a segunda aula dupla, novamente con horario de 17.00 a 19.00 horas. Os contidos son os seguintes: protección do consumidor ante a publicidade dixital (cuestión abordada por Isaac Maroto ao longo de 60 minutos) e boas prácticas ante as aplicacións móbiles (sesión impartida por Talía Rodríguez, tamén dunha hora de duración).
As persoas que acudan a todas as sesións terán dereito a un certificado conforme realizaron o curso. Quen estea interesado en formalizar a inscrición no curso pode facelo enviando un correo á conta en liña santiagodecompostela@adicae.net ou chamando ao 981 941 397. A matrícula tamén pode facerse a través dun documento de Google habilitado.

PUBLICIDADE