ADICAE mostra esta semana, nunha xornada en Santiago, como protexernos dos calotes en Internet
martes, 19 de outubro do 2021
Este
20 de outubro vaise celebrar na sede de ADICAE en Santiago (no
número 2 da avenida de Vilagarcía) unha xornada sobre como mercar
de forma segura e responsábel en Internet. A sesión, que dará
comezo ás 18.00 horas, porá o foco en dotarnos de recursos para
evitar caer nas redes das ciberestafas nas súas moi variadas
manifestacións. Podemos inscribirnos xa a través dunha
ligazón específica ou ben enviando un correo electrónico
indicando nome e apelidos a santiagodecompostela@adicae.net ou
chamando ao 981941397.
Segundo
informa ADICAE respecto dos porqués desta xornada, o aumento das
compras por Internet é unha realidade máis que afianzada na nosa
actividade diaria, pero cómpre que do mesmo xeito que somos
responsábeis e precavidos nas nosas operacións comerciais
presenciais, cómpre selo tamén a través das novas ferramentas, e
máis agora nesta tempada post-COVID de especialmente intensa
actividade dixital: “España é un dos países nos que máis
aumentaron as compras por Internet durante a pandemia, e non é de
estrañar que cada día cheguen máis consultas á nosa asociación
relacionadas cos perigos do comercio electrónico. As reclamacións e
as dúbidas relacionadas con aspectos como a protección dos datos,
as vías de reclamación ou as medidas de protección ante as estafas
e o malware han ir en aumento desde o inicio da pandemia”,
explica ADICAE, lembrando que aínda hai moitos consumidores que
“carecen das ferramentas necesarias para detectar fraudes e tomar
as medidas de protección necesarias para a compra por Internet”.
Por
iso, a entidade decidiu organizar o seguinte en Santiago o obradoiro
Comercio electrónico seguro.
O
taller tratará sobre:
1º.
Aspectos a ter en conta antes da compra: preparación para a compra e
medidas de seguridade, identificación de tendas online de
confianza, detección de calotes e configuración da Rede.
2º.
Aspectos a ter en conta durante a compra: medios de pago,
configuración das contas de usuario, contrasinais seguros,
recuperación de contas e outras cuestións de interese.
3º.
Aspectos a ter en conta despois de mercar: información sobre as
garantías e os dereitos do consumidor, produtos defectuosos, datos
persoais e vías de reclamación.
Esta
actividade conta co apoio do Instituto Galego de Consumo e
Competencia para actividades de sensibilización, formación e
divulgación en materia de comercio electrónico seguro.