ADN.es nace coma un medio aberto e participativo

mércores, 18 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O xornalista e blogueiro Juan Varela anunciou o pasado luns que o redeseño da web do xornal gratuíto ADN estaba xa en fase de probas, e o actual dominio, diarioadn.com sería substituído por ADN.es, o que viría acompañado de distintos cambios que buscarían a interacción cos lectores.
A principal revolución da nova publicación en liña está en que se pode acceder á mesma dende 3 interfaces diferenciadas:

  • ADN.es, o xornal dixital completo, coas novas e os elementos multimedia propios do medio
  • ADN.tv, unha sección audiovisual centrada nos contidos en vídeo, para resultar máis atractivo para os usuarios que prefiren este tipo de información
  • VuestroADN.es, a cara máis social do medio, na que son os usuarios os que ordenan a información segundo os seus criterios

Os usuarios rexistrados poderán acceder a todo o anterior dende a súa páxina persoal, podendo tamén comentar, valorar, enviar e gardar novas, así como subscribirse ás informacións mediante etiquetas (de xeito que se pode acceder directamente ós temas de interese).
A nova web pretenderá mellorar as súas prestacións sociais incluíndo grupos de amigos, comunidades virtuais nas que intercambiar información, contidos propios e intereses informativos.
Tamén resulta subliñable que os contidos da publicación teñen unha licenza flexible Creative Commons, para amosarse como un medio aberto ós usuarios.

PUBLICIDADE