ADN.es perde a independencia da súa edición impresa

xoves, 8 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O Grupo Planeta decidiu cesar a actividade de Planeta Medios Digitales, empresa que xestionaba a edición en liña do diario ADN, atendendo a «razóns económicas» e polo descenso do investimento en medios por parte de Planeta.
A edición impresa da publicación continuará adiante, e o dominio ADN.es continuará operativo simplemente como cara dixital do xornal en papel, pero nunha versión reducida de xeito que a compañía podería prescindir dos preto de 40 traballadores que actualmente levan a web (aínda que a compañía procurará a recolocación algún empregado).
Joan Alegre, director xeral de Planeta Medios Digitales declarou a RTVE.es que «ata que finalicen as negociacións coa redacción» a web actual permanecerá en funcionamento, aínda que resulta lamentable que se perda este medio que nacera en xullo de 2007 achegando certa modernidade e renovación á web española, e que segundo OJD contaba con 1.316.498 usuarios únicos e preto de 2 millóns de visitas no pasado mes de novembro, o que son uns resultados comparables á La Voz de Galicia, Público ou Soitu.es en número de usuarios, polo que poderiamos asegurar que tiña unha boa saúde, de aí que sorprenda que sexa a edición en liña a que peche e non a de papel (como está a pasar con outras publicacións).
O Diario ADN conta actualmente cunha tiraxe de 1 millóns de exemplares, dos que 380.000 se reparten en Madrid e 250.000 en Barcelona, mentres que a súa edición en liña era independente (dirixida por Núria Padrós), o que a partir dos vindeiros días cambiará radicalmente para pesar dos traballadores e lectores deste interesante proxecto en liña.

PUBLICIDADE