AENA continúa avanzando no proxecto de torre de control dixital do Aeroporto de Vigo

martes, 4 de marzo do 2025 S. P.

O Aeroporto de Vigo continúa avanzando no seu proxecto de torre de control dixital, que, segundo fai saber a entidade pública de xestión AENA, “mantén as mesmas condicións de seguridade que unha torre de control convencional e proporcionando máis información aos controladores de tráfico aéreo grazas á tecnoloxía dixital”.
A semana pasada celebrouse unha reunión técnica cos colectivos implicados no proxecto, xuntanza na que se lembrou que este proxecto conta co visto e prace da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e que para entrar nunha nova fase e os controladores aéreos “recibirán a formación necesaria e realizarán prácticas e simulacións nas novas instalacións antes da posta en servizo”.
Tamén se recordou que na actualidade máis de 30 aeroportos europeos teñen implantada esa tecnoloxía e está a operar desde unha torre de control dixital. Fóra de Europa, están a desenvolverse iniciativas en aeroportos de Australia, Canadá e Estados Unidos.
Dende o 11 de xuño
AENA coordinou con AESA a data tentativa do 11 de xuño para comezar a prestar, de forma paulatina, o servizo de control do aeroporto desde a nova instalación, situada nun edificio anexo ao aeroporto. A efectos prácticos, o servizo prestarase desde a torre de control dixital de modo equivalente ao da torre de control convencional, substituíndo a visión e o audio directos por un sistema audiovisual composto por cámaras e outros sensores que proporcionan unha información similar.
A torre de control convencional estará en disposición de recuperar o servizo en todo momento e contará con presenza continua dun controlador.
AENA lembra que “a implantación desta tecnoloxía mellora o nivel de servizo e a súa eficiencia, e garante a seguridade ao incorporar novas funcionalidades tecnolóxicas e recibir información dun elevado número de cámaras, micrófonos e sensores, que proporcionan aos controladores de torre unha visión máis completa de todo o que ocorre nas infraestruturas que supervisan e que, en consecuencia, proporcionan unha serie de vantaxes operativas e de seguridade, mantendo o mesmo número de controladores”.
O proxecto conta con cámaras fixas para unha presentación de 360º do campo de voos e dúas cámaras móbiles. A maiores, para cubrir unha zona non visíbel desde a localización tradicional, engadíronse tres cámaras máis ao sistema noutra zona do campo de voos.
A imaxe recollida polas cámaras proxéctase nun videowall formado por 13 monitores de 55 polgadas, onde se poden proxectar ampliacións de zonas en xanelas emerxentes. Este sistema de cámaras substitúe e mellora a visión directa que ten actualmente o controlador sobre o campo de voos. As posicións de controlador están dotadas de altofalantes para reproducir o son ambiente dos micrófonos instalados no campo de voos.