AGADIC apoiará rodaxes, producións, festivais, proxectos e videoxogos con máis de 5 millóns de euros
venres, 29 de novembro do 2024
O Goberno galego anunciou que vai investir no próximo ano 5 millóns de euros nas liñas de subvencións a rodaxes e producións e coproducións audiovisuais. Este e outros datos foron achegados polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, durante a 18ª edición do encontro I+P Ideas para producir, que se celebra este venres 29 no Centro Ágora da Coruña, organizada polo Clúster Audiovisual Galego co patrocinio da Xunta de Galicia. Engadiu, acompañado do presidente do Clúster, Alfonso Blanco, que esta dotación inicial “incrementarase ao longo do ano con convocatorias adicionais de subvencións para a posta en marcha de proxectos, promoción do talento, presenza en foros e mercados, creación de videoxogos ou festivais do sector”.
Novas alianzas para o sector
O I+P Ideas para producir ten como finalidade conseguir novas alianzas para o audiovisual galego na coprodución, venda, financiamento ou distribución de contidos para cinema e televisión. Neste sentido, Jacobo Sutil salientou “o talento audiovisual galego” e louvou “a capacidade e solvencia técnica dos equipos galegos para liderar filmes que conquistan as pantallas dentro e fóra do noso territorio e para poñerse á fronte de series de éxito en canles e plataformas de televisión”.
Sutil concretou que para 2025 a Xunta de Galicia ten xa deseñada unha nova planificación de apoio integral ao sector que volverá canalizar 3 millóns de euros para a produción e coprodución audiovisual e outros 2 millóns para as rodaxes realizadas en territorio galego. Estas dotacións veranse incrementadas con investimentos adicionais nas liñas de axudas para traballos de preprodución, promoción do talento, presenza de profesionais e títulos galegos en foros e mercados especializados, así como creación de videoxogos ou festivais do sector. Estas dúas últimas convocatorias xa aprobadas no Consello da Xunta, coas dotacións de 150.000 euros e 300.000 euros, respectivamente.
Récord de proxectos presentados
O I+P Ideas para producir desenvolve durante toda a xornada deste venres presentacións rápidas tipo pitching e reunións personalizadas arredor dos 18 proxectos seleccionados. Os seus responsábeis poderán presentar diante dun auditorio conformado por representantes das principais televisións, plataformas, produtoras e distribuidoras de toda España. Nesta edición, o evento volveu bater récord de inscricións con 175 propostas rexistradas, que foron analizados por un comité de selección nomeado ao efecto.
Os 18 traballos finalistas que se presentan encóntranse en distintas fases de desenvolvemento e inclúen longametraxes de ficción e documentais, e series e miniseries de ficción, documentais e de animación. No programa de pitchings e reunións one to one participará un auditorio conformado por executivos de RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar Plus+, Amazon Prime Video, AMC Networks, Warner Bros. Discovery, CRTVG, TV3, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente ou Portocabo.
No apartado das longametraxes de ficción figuran El hombre al que no conseguían matar (Avendaño Estudio), El fin de la verdad (Kraken Media), Lactantes (Julen Gorosabel), Atenas-Barcelona (Sebastián A. Pérez), Mr. Wang (Love Our Films Media), Canción animal (CSC Films), Serenade (Mandrágora Cinema), Chocolate (Enrique Rambal), Merlo Branco (Mordisco Films), Despois de Grecia (Irene Pin) e Virxe do Carme (Coven Films); e a longametraxe documental Toxo: el día que el sol perdió su fuerza (Tamboura Films).
En canto aos formatos de televisión, participan as series de ficción Happy Funerals (Fon Cortizo), El Último (Ángel Velasco), Urrutia (Amaia Yoldi) e Platino (Nuria Cabello), a serie de animación Bibopalula (Undodez Producións), e a miniserie documental Las dos caras de… (Producciones Vigo - EISV).