AGAPI organiza un encontro para avaliar as eivas e oportunidades do audiovisual nos contornos dixitais

xoves, 23 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Produtoras Independentes, AGAPI, organiza o vindeiro 28 de febreiro un encontro monográfico sobre a propiedade intelectual no sector audiovisual, a desenvolver na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. A xornada, que ten o apoio do Ministerio de Cultura, servirá entre outras cousas para tomarlle o pulso ás vantaxes e ás eivas das redes actuais da información en relación ao potencial de medre da industria audiovisual, fendo especial fincapé en acontecementos recentes como a supresión do canon dixital ou a vindeira entrada en funcionamento da sección segundo da Comisión de Propiedade Intelectual.
Tamén haberá marxe de abondo para afondar nas posibilidades que se abren co afianzamento do Vídeo Baixo Demanda, VOD, coas plataformas de crowdfounding (espazos de traballo para a recadación de financiamento a través do apoio de múltiples internautas) ou coas licenzas Creative Commons, que permiten o uso e a adaptación dunha obra creativa sempre e cando se recoñeza a súa autoría.
A xornada, que se vai desenvolver a través de debates e de mesas redondas sobre cuestións de actualidade, contará nun primeiro intre coa presenza de Emma Lustres, produtora de Vaca Films, o director de Márketing Audiovisual da operadora R, Alfonso Martínez, o director xeral de Portocabo, Alfonso Blanco e a directora da Escola de Medios de La Voz de Galicia, María José Arrojo. Falarán do cambio dixital e do novo público activo.
Tamén se abordará a situación da propiedade intelectual no entorno dixital coa directora xeral de Zenit Tv, Zaza Ceballos, o director de antipiratería da Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores Audiovisuais (EGEDA), Octavio Dapena o avogado Miguel Ángel Bouza e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Gago.
Os debates centraranse nos futuros modelos de negocio e na problemática das descargas. Paula Cons presentará a nova plataforma de produción e comercialización crowdfounding Wecoop xunto a María Yáñez, da Navalla Suíza, o director da produtora multimedia Moonbite Games, Carlos Fernández, e o director da distribuidora e exhibidora Mr. Misto Films, Xoán Mariño.
O segundo dos debates centrarase na problemática das descargas ilícitas e contará coa participación da directora de Abano Producións, Chelo Loureiro, o produtor de Perro Verde Films, Manuel Cristóbal, o blogueiro Javier Pedreira "Wicho", o avogado de Zenit Tv, Fernando Regueira e o responsable de programación do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), José Manuel Sande.
A xornada é de balde. As persoas interesadas en asistir á xornada deberán achegar o formulario de inscrición dispoñible na web de AGAPI debidamente cuberto ao correo electrónico administracion@agapi.org. O aforo é limitado polo que as prazas outorgaranse por orde de inscrición.

PUBLICIDADE