AGASOL inicia un ciclo de relatorios no GaiásTech

mércores, 4 de outubro do 2023 Redacción

A Asociación Galega de Software Libre (AGASOL) continúa a traballar na transformación dixital das empresas galegas e durante os meses de outono, grazas a un convenio de colaboración coa AMTEGA , organizan iniciativas que teñen como obxectivo, entre outros, dar a coñecer o Gaiástech, o espazo na Cidade da Cultura reservado para este tipo de iniciativas relacionadas coa tecnoloxía enfocada ás empresas galegas.
Así, levaranse a cabo unha serie de charlas protagonizadas por diferentes solucións de software libre e enfocadas a diferentes sectores empresariais coma o gandeiro, o agrario, o forestal o cultural e o comercial. Serán un total de 8 charlas impartidas por profesionais do eido que achegarán ao público as ferramentas que veñen utilizando, intentando así facilitar as súas tarefas diarias botando man do software libre.
Falarase de que é o software libre, como tamén se porá a disposición dos asistentes a posibilidade de identificar posibles necesidades tecnolóxicas e formativas nas súas empresas.

Primeiro relatorio

A primeira destas charlas tivo lugar hoxe e foi retransmitida en directo a través da páxina web de Gaiástech. Neste primeiro relatorio déronse a coñecer solucións da man de TICgal. Esta compañía ofrece unha ampla gama de servizos informáticos adaptados ás necesidades empresariais tales como: soporte informático local que satisfai as necesidades técnicas inmediatas ou licenzas de software nacionais que potencian ás empresas de todo o país.
A conversa foi dirixida por Óscar Beiro, fundador de TICgal con 12 anos de experiencia administrando instalacións GLPI; e Polina Marishicheva, Marketing Manager de Teclib e editora oficial de GLPI, o software libre ITSM máis implantado no mundo.

Programa de actividades

- 4 de outubro: #MesD Software Libre: Unha ferramenta para xestionar o departamento TI: GLPI e máis aló - Impartida por GLPI
- 11 de outubro: Xestión da Fabricación co ERP Odoo - Impartida por Anubia Odoo
- 18 de outubro: Arduino para o mundo real: Ardupower Controller - Impartida por Strelia
- 25 de outubro: Charla impartida por Netxcloud
- 8 de novembro: Charla impartida por Muutech
- 15 de novembro: Charla impartida por Libreinnova

PUBLICIDADE