AGASOL revélalle aos empresarios galegos as vantaxes do software libre

mércores, 10 de novembro do 2010 Raquel Noya

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia de Santiago de Compostela aínda ben non recolleu os trebellos da última xornada celebrada nas súas intalacións, (a dos directivos que uniron forzas para paliar a crise), e xa ten todo preparado para dar acollida, o vindeiro 17 de novembro, a novos expertos que se achegarán á capital galega para dar conta da súas experiencias no sector TIC.
Trátase de expertos en novas tecnoloxías que virán a Compostela (ademais de para visitar o Apóstolo) para levar a cabo unha xornada de traballo na que poñer en común os seus coñecementos sobre software libre aplicado aos sectores industriais dende unha perspectiva de modelos de negocio e dirección de empresas.
Esta iniciativa, organizada pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, baixo o título (R)Evolusion, cara modelos de negocio baseados en solucións TIC de código aberto servirá para situar aos empresarios no contexto do software libre, as súas características como produto e o mercado que existe ao seu redor.
Segundo apuntan dende a organización, “o software de código aberto está a converterse no motor de cambio do emerxente sector TIC en Galicia” e engaden que, “está a marcar un punto de inflexión moi importante na evolución do mercado”; é por isto que a xornada, dirixida a empresas de todos os sectores e emprendedores en xeral, mostrará as diferencias dos ciclos de vida dun produto de software aberto en contraposición cun de software pechado, para comparar o rendemento dun e doutro.
Tamén se incidirá en casos concretos de empresas baseadas en software libre e cuestións relativas a este novo modelo de negocio.
A xornada estrutúrase en dúas sesións de mañá (de 10 a 14 horas) e tarde (de 16 a 20 horas). A primeira diríxese ao público en xeral, e a segunda, pola súa banda, vai dirixida a un sector máis especializado, o profesional.
Para realizar a inscrición, é necesario entrar na web de Agasol e encher o formulario que aparece ao final do artigo. A asistencia é libre e de balde para tódalas persoas interesadas.
Entre os relatores que teñen confirmada a súa asistencia figuran destacados profesionais como José María Lancho Rodríguez, presidente de Hispalinux, a maior asociación en lingua española de usuarios e desenvolvedores de software libre; Agustín Benito Bethencourt, cordinador de ASOLIF, a Federación Española de Asociacións de Empresas de Software Libre; Javier Vázquez, creador dun Servidor Linux para PEMES e Fernando Vázquez, director Xeral de Imatia e fundador do grupo DASA da Universidade de Vigo, un dos grupos máis activos na colaboración empresa-universidade.

PUBLICIDADE