AGESTIC convoca a segunda edición dos Premios INNOVA-G

luns, 12 de setembro do 2011 Redacción

JPEG - 98.1 KB
Algúns dos gañadores dos premios INNOVA-G na súa edición de 2010

Por segundo ano consecutivo a Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, convoca os Premios INNOVA-G dirixidos a recoñecer o talento e a valía das empresas tecnolóxicas galegas, de internet e contidos dixitais, os seus produtos ou servizos, os seus proxectos 2.0 así como os emprendedores e aos emprendementos galegos con maior proxección.
Respecto da edición anterior, desta volta teremos menos categorías (7) e mencións de honra (a entidades que impulsen a Sociedade da Información e proxectos, empresas, medios, eventos... que difundan ás TIC galegas). A mecánica de participación é a mesma: rexistro da candidatura na web dos premios e dous tipos de premios (por votación popular dos internautas e polo xurado) coa excepción de que haberá un período de rexistro e outro para as votacións para que todos os candidatos partan coas mesmas posibilidades.

JPEG - 83.2 KB
Asistentes á gala de entrega da pasada edición dos Premios INNOVA-G

Poderanse rexistrar as candidaturas desde o 12 de setembro de 2011 até o 26 de setembro de 2011 ás 12:00 horas. O período de votacións empezará o 27 de setembro de 2011 e terminará ás 12:00 horas do 10 de outubro de 2011. O 11 de outubro de 2011 coñeceranse os premiados polos internautas e polo xurado a través da web oficial dos premios
A entrega dos premios realizarase o día 14 de outubro de 2011 en Santiago de Compostela, na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia (Praza de Cervantes, nº 17) ás 12 horas.
O premio é o mesmo tanto para os premiados polos internautas como polos premiados polo xurado: o mesmo emblema e a mesma campaña de banners en redticos, a rede social do sector TIC.
As categorías dos Premios INNOVA-G na súa edición de 2011 son as que seguen:
· Mellor start-up galega: Empresa galega constituída a partir do 2009, altamente tecnolóxica e innovadora, na que se valorará o grao de novidade do produto/servizo desenvolvido ou prestado, o seu crecemento exponencial, a visión global, as posibilidades de expansión internacional, o ambiente de traballo, igualdade de xénero, promoción da sustentabilidade e os valores sociais.
· Mellor emprendedor/a galego/a TIC 2.0: sen límite de idade e a elixido previo filtrado vía twitter co hashtag #melloremprendedorticgalego seguido do seu nome en Twitter (@nick) ou, se non ten, seguido do seu nome, apelidos e empresa.
· Mellor campaña social media: Premio á empresa de mercadotecnia dixital que desenvolvese unha ou varias campañas (pódense presentar tantas campañas deséxense, realizadas no 2010 ou 2011) nas redes sociais e servizos 2.0. Tamén pode participar calquera PEME TIC galega que ela mesma faga uso das redes sociais e servizos 2.0 (Twitter, Facebook), campañas de publicidade web con participación cidadá, ou campañas de social media.
· Mellor desenvolvemento 2.0: Premio á empresa galega responsable do desenvolvemento 2.0 (redes sociais, comercio electrónico, e-learning, e calquera outro proxecto tecnolóxico que implique a participación directa do usuario final) que sexa considerado o mellor feito en Galicia no 2010 ou 2011
· Mellor aplicación para dispositivos móbiles: Premio á empresa galega responsable do mellor software, da mellor aplicación para dispositivos móbiles, desenvolvido no 2010 ou 2011.
· Mellor deseño para todos: Premio á empresa galega responsable de modelo ou modelos usables e accesibles, hardware ou software, desenvolvido no 2010 ou 2011.
· Mellor desenvolvemento centrado nos cidadáns: Premio á PEME galega responsable dun desenvolvemento tecnolóxico ou en Internet do 2010 ou 2011, grazas ao cal se produce unha innovación clara na calidade dos servizos sociais, sanitarios, educativos ou outros e mellórase substancialmente a calidade de vida das persoas.

PUBLICIDADE